Audasa ingresou 66 millóns de euros por peaxes no primeiro semestre

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

Autopistas del Atlántico (Audasa), propietaria da AP9, ingresou ata o 30 de xuño máis de 365 mil euros diarios en peaxes, ata superar os 66,4 millóns de euros, unha cifra moi semellante á do mesmo período do 2017 (66,3 millóns), segundo de pode ver nas súas contas públicas, depositadas na CNMV. A empresa tivo un beneficio antes de impostos de 21,3 millóns de euros, fronte aos 26 millóns do primeiro semestre de 2017. 

No conxunto do pasado ano a compañía ingresara 140,8 millóns de euros polo cobro de peaxes (385 mil euros diarios), o seu mellor rexistro dende o 2011. Esta cifra leva catro anos en ascenso e podería volver aumentar neste 2018, se temos en conta a mellora dos datos xa rexistrada no primeiro semestre, motivada polo incremento do tráfico e das tarifas. No segundo semestre do ano os ingresos adoitan ser maiores que no primeiro semestre.

Audasa ingresou en 2017 385 mil euros diarios en peaxes

Os beneficios no primeiro semestre, iso si, descenden con respecto ao mesmo período do 2017 (21,3 fronte a 26). Son tamén inferiores aos beneficios do primeiro semestre do 2016 (23,2 millóns de euros). En calquera caso, Audasa leva vinte anos movéndose por riba dos 40 millóns de euros anuais de beneficios antes de impostos. O pasado ano foron 58,7 millóns (44 despois de impostos).

No documento remitido á CNMV, Audasa insiste en aclarar que pelexará contra o que considera "efecto negativo sobre a recadación" tras a baixada das peaxes na sombra para abaratar o custo dos tramos A Coruña-Barcala e Vigo-O Morrazo e a nova fórmula de cálculo das compensacións, que considera que supuxo un impacto de 2,2 millóns nos seus ingresos no primeiro semestre. Ademais desta reclamación ao Goberno central, Audasa interpuxo outro recurso contencioso-administrativo para poder aplicar o aumento extraordinario no 1% pola ampliación de Rande. 

A publicación das contas de resultados de Audasa chegan pouco despois de coñecerse a venda da maior partes das accións de Itínere Infraestructuras (o grupo empresarial propietario de Autopistas del Atlántico) á transnacional Globalvía, controlada por tres fondos de pensións sueco, británico e holandés. A operación formalizarase a finais de ano. O principal atractivo económico de Itínere Infraestruturas para os fondos internacionais implicados na súa xestión son as peaxes galegas. De feito, dos case 275 millóns de euros facturados por Itínere durante o pasado 2017, máis de 155 procedían das súas filiais galegas, e case 141 exclusivamente da AP9.

No primeiro semestre o número medio de traballadores e traballadoras foi de 209, catro menos que o ano anterior e moi lonxe dos 290 de hai unha década

As contas do primeiro semestre chegan ademais no contexto do debate sobre a transferencia á Xunta de Galicia das competencias sobre a autoestrada. No Congreso dos Deputados están en marcha dúas proposicións de lei de En Marea. No Parlamento galego os grupos acordaron por terceira vez unha proposición de lei -redactada inicialmente polo BNG- para formular a mesma reclamación ante o Congreso -as dúas anteriores vetounas o Goberno de Rajoy-. Ademais, a transferencia está na axenda de negociacións políticas da Xunta co novo Executivo de Pedro Sánchez.

Finalmente, número de traballadores e traballadoras da empresa non deixa de descender. No primeiro semestre do ano o número medio de empregados e empregadas no cadro de persoal foi de 209, catro menos que o ano anterior e moi lonxe dos 290 de hai unha década. 

Oito autoestradas construídas á vez que a AP-9 volverán á xestión pública nos próximos anos. A autoestrada galega non o fará ata o 2048

Cómpre lembrar que a concesión da AP9 finalizará aínda o 18 de agosto de 2048. Audasa mantén a previsión de ingresar uns 9.541 millóns de euros ata o remate da concesión. Oito autoestradas construídas á vez que a AP-9 volverán á xestión pública nos próximos anos. A AP-1 entre Burgos e Eibar (o 30 de novembro de 2018) será a primeira en rematar a súa concesión privada, exactamente 40 anos despois da súa inauguración (1978). Porén, xa en 2003 a AP-8 entre Irún e Bilbao -aberta en 1971- regresou á xestión pública. A AP-4 entre Sevilla e Cádiz e a AP-7 entre Tarragona e Alacante (ambas o 31 de decembro de 2019) serán as seguintes. Continuarán a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (ambas o 31 de agosto de 2021). Todas elas son vías que se inauguraron un pouco antes que a AP-9, entre 1969 e 1978, aínda que forman perte dese primeiro impulso construtivo. En calquera caso, en todas elas a súa concesión rematará 20 e mesmo 30 anos antes que na autoestrada galega.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.