Bruxelas esixe a España que eleve o IVE ou "outras taxas"

Angela Merkel e Mariano Rajoy © EFE

A aplicación de diversas medidas económicas, emprendidas tanto polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero como polo Goberno actual, obedecen a claras directivas publicadas desde Bruxelas. O decreto antidéficit de maio de 2010 (rebaixa do soldo dos empregados públicos ou conxelación das pensións), a reforma financeira (privatización das caixas) ou a reforma laboral foron esixencias claras de entes como a Comisión Europea, o Fondo Monetario Internacional ou as propias axencias de cualificación. Unha das últimas recomendacións da Comisión foi formulada cando aínda Zapatero era o máximo responsable do Executivo español.

Baixo o apéndice de "recomendacións", Bruxelas marcou en certo sentido unha serie de pautas a seguir por Moncloa. Unha delas é relativa ao Imposto sobre Valor Engadido (IVE). Actualmente o tipo xeral está no 18% despois de que, nos Orzamentos Xerais para 2010, a exministra Salgado decidise elevar en dous puntos o gravame. As contas públicas dese exercicio foron as primeiras da historia que aplicaron un recorte de gasto. Mariano Rajoy aínda non elaborou os seus orzamentos (están prorrogados), mais insistiu repetidamente en que a súa intención é a de non modificar o IVE, que se impón sobre calquera artículo de consumo independentemente da renda do consumidor.

Non obstante, hai tres factores que poden influír decisivamente en que Rajoy se vexa na obriga de elevar este tipo de imposto. O máis recente, o anuncio do presidente francés, Nicolás Sarkozy, formulado este domingo nunha entrevista televisiva. O Elíseo decidiu elevar ata o 21,2% o IVE xeral e crear unha taxa de transaccións financeiras do 0,1%, en solitario. Sarkozy pretende recadar máis de 1.000 millóns de euros. O factor de presión do movemento conservador e da alianza Merkel-Sarkozy non van ser fáciles de evadir por parte de Rajoy á hora de manter o IVE español no 18% actual.

Recomendacións de Bruxelas

Rajoy tamén está sometido ás recomendacións que a Comisión Europea fixo a España en canto ao equilibrio orzamentario e fiscal. Algunas delas foron xa postas en marcha de xeito case textual: a elevación da idade de xubilación, a aprobación dunha Lei de Estabilidade Orzamentaria, a limitación do gasto ao crecemento do PIB, a reforma financeira ou a laboral. Pero a Comisión deixou unha recomendación máis para acometer (vía decreto lei ou mediante o PGE) unha suba do IVE.

"Estudar o ámbito para reducir o nivel das cotizacións á seguridade social con obxecto de reducir os custos laborais non salariais de forma neutra para o orzamento, por exemplo modificando a estrutura e os tipos do IVE e os impostos sobre a enerxía", relatou textualmente a CE. Non axudará aos plans iniciais de Rajoy o feito de que España sexa, xunto con Luxemburgo e Chipre (ambos co 15%), o terceiro país co IVE máis reducido de Europa.

Nicolás Sarkozy © Goberno francés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.