"Caixa Rural Galega foi prudente, nunca nos metemos en leas das que non puidésemos saír"

Méndez, na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, durante a entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

Jesús Méndez é dende 2008 o segundo director xeral da historia de Caixa Rural Galega, que o vindeiro 2016 fará cincuenta anos. Cando chegou ao cargo a cooperativa de crédito con sede en Lugo era a "irmá pequena" do sistema financeiro galego e, en apenas un lustro, pasou a ser filla única. Mentres Caixa Galicia e Caixanova se esfarelaban entre enormes perdas, mostras de insolvencia, peches de oficinas e despedimentos, Caixa Rural veu amosando uns dos mellores niveis de solvencia do Estado, mantivo unha ratio de tesouraría -relación entre depósitos e créditos- superior ao 40% -recoméndase que estea por riba do 10%- e medrou en oficinas, persoal e depósitos -entre 2012 e 2013, por exemplo, máis dun 20%-. Nun contexto de cambios regulatorios Méndez defende a "flexibilidade" da entidade que dirixe para adaptarse a eles pero dende a vontade de "non traizoar" os principios fundacionais. "Aquí non hai máis intereses que os da caixa" e negocios "menos rendibles, pero seguros", afirma.

Vimos dun proceso de grandes turbulencias financeiras en Galicia. En todo este proceso, Caixa Rural Galega nunca xerou noticias...

"Somos unha caixa 100% galega"

A nosa política de prudencia da xestión e de reinvestimento dos beneficios revelouse como unha estratexia acertada. Non nos gusta presumir, pero sempre que me preguntan cal é o segredo, digo que nos caracterizamos por ser prudentes na xestión e non nos meter en leas das que non puidésemos saír. Nós tiñamos unha exposición ao sector inmobiliario semellante á do resto das entidades en termos porcentuais, pero mellor seleccionada e seguimos tendo exposición ao sector inmobiliario, pero con cabeciña, con cousas que a xente poida pagar. Esa é unha das claves e outra, non perder o foco acerca do cliente ao que queremos atender. Somos unha caixa 100% galega, o 100% dos propietarios desta cooperativa de crédito son galegos e non podo dicir que o 100% do noso investimento estea en Galicia, pero para ser rigorosos, tería que dicir que o 98% ou o 99%, porque hai clientes nosos que marchan de Galicia e seguen con nós. A nosa é unha carreira de fondo e para nós sempre é unha satisfacción ter dado sempre resultados positivos e poder dicir que nunca tivemos que pechar ningunha oficina.

Ser unha cooperativa sustentou o crecemento lento das oficinas? Mentres outros abrían ou pechaban 200, vostedes abrían unha ou dúas...

"Os depósitos e créditos medraron de forma liñal durante o 'boom' e nos peores anos da recesión'

Nós imos abrindo a medida que imos tendo pulmón, aos poucos. O pasado ano abrimos en Vigo, este abriremos en Pontevedra... Gustaríanos ir máis rápido, pero se o fixésemos traizoaríamos a nosa base, porque arriscaríamos a nosa solvencia. Este negocio é pouco rendible e non permite crecementos moi fortes. Pódese medrar moito un ou dous anos, pero se se fai moitos anos, só pode ser incrementando a base de capital ou con instrumentos que computen como recursos propios, e en Galicia temos moi malas experiencias neste sentido. Se un pretende ir medrando co que xere o propio negocio o ritmo será moito máis sostido e sostible, que é o que a nós nos preocupa. Nós facemos cinco xuntas preparatorias por todo o territorio, nas que se escollen os representantes para a asemblea xeral. Nesas, un dos aspectos que máis me gusta presentar, é a evolución das dúas partidas fundamentais do balance da caixa: os depósitos e os créditos, que levan unha tendencia practicamente liñal e parecidamente crecente tanto en épocas do máximo boom da economía española como nos peores anos da recesión. É unha liña continua ao traveso do tempo, e iso é o que máis nos satisfai, é a maneira que temos de corroborar que a nosa estratexia é a axeitada: medrar en socios e volume sen descapitalizar a caixa.

Durante eses anos das grandes alegrías inmobiliarias Caixa Rural tivo tentacións ou ofertas ao respecto?

"Non desenvolvemos practicamente nada de solo e centrámonos na primeira vivenda a prezos razoables"

Nós tiñámolas, pero o que queríamos era facer operacións que, ben analizadas, tivesen posibilidades de saír ben e, naqueles casos nos que non saísen ben, tivésemos posibilidades de saír airosos. Por exemplo, se nós facemos unha promoción de 30 ou 40 vivendas en Lugo e o promotor non é quen de vendelas, se baixamos o prezo un 10 ou un 20 por cento, colocámolas. Se a alternativa é facer un desenvolvemento urbanístico para 400 apartamentos en Foz ou Barreiros para tentar vendérllelos a persoas de Madrid, de Asturias ou de Polonia e iso sae mal, a caixa perde máis dos que investiu. Se cadra o investimento era o mesmo, pero o risco era completamente diferente. Iso foi o que fixemos: non desenvolvemos practicamente nada de solo inmobiliario e centrámonos en primeira vivenda a prezos razoables, cun universo de potenciais compradores moi amplo. Estes eran negocios menos rendibles, pero máis seguros.

Nestes anos Caixa Rural Galega pasou de ser a caixa galega máis pequena a ser a caixa galega, simplemente. Como viviron o proceso de desaparición das dúas grandes?
O proceso foi e está sendo apaixonante. Eu levo na caixa dezaoito anos, pero os compañeiros que levan trinta ou trinta e cinco anos sempre din que nunca xamais pensaron que isto podía rematar así, coas outras caixas e bancos desaparecendo, porque quen tiña todas as papeletas para ter problemas ou ser absorbidos, éramos nós. É un orgullo e un referendo pero non nos pode debilitar, porque cómpre seguir; a situación segue sendo moi complicada, os anos difíciles van continuar. Pero é moi satisfactorio para nós, porque é a vitoria de David fronte a Goliath. Coas nosas estratexias máis flexibles e adaptadas fomos quen de competir en igualdade con outros bancos que eran moito máis grandes.

"Para saber se hai que lle dar un préstamo a un cliente da Pastoriza que vai montar unha granxa láctea é moito mellor darllo dende aquí que dende Madrid"

Para todo isto é fundamental a nosa colaboración coas outras caixas de todo o territorio; nós formamos parte de Caja Rural, onde o que buscamos é facer o máis local posible aquilo que pensamos que é mellor facer localmente e buscar economías de escala en todo o que podemos facer máis eficientemenete. Entre todas as caixas temos un banco, unha compañía de seguros e unha compañía de informática en común. Todo o resto do negocio é o máis descentralizado posible. Para saber se lle hai que dar un préstamos a un cliente da Pastoriza que vai montar unha granxa de produción láctea é moito mellor darllo dende aquí que dende Madrid. Non é a maneira máis eficiente, pero estamos convencidos de que é a mellor. O ideal sería ter unha oficina en Vilalba que absorbese toda a Terra Chá, pero no é o mesmo estar só en Vilalba que estar en Vilalba, en Cospeito, na Pastoriza... Esa é a nosa estratexia, termos unha rede moi capilarizada e estar cerca do cliente pero de verdade, porque moitas veces outros bancos pecan de dicir que escoitan moito ao cliente pero só escoitan o que eles queren. O cliente di que quere produtos sinxelos e o banco reacciona dicindo: “No, papá te recomienda hacer cosas más complicadas”. E iso é un problema. Outro problema é que con todos estes mecanismos de rescate públicos e privados, porque facer sucesivas ampliacións de capital non deixa de ser unha sorte de rescate, é que as entidades financeiras lles prometeron unhas rendibilidades aos novos accionistas que vai ser moi difícil que as poidan obter. Se os tipos de xuro son baixos esta actividade vai ser moi complicada. A única maneira de que se recuperase a rendibilidade é que aumentasen os volumes, e para iso aínda falta que a economía se recupere moito máis, para así volver a taxas positivas de crédito, porque o desapalancamento das familias e das empresas nos últimos cinco ou seis anos foi moi grande. En parte compensouse co endebedamento das Administracións, pero nun mercado eque en conxunto está decrecendo mellorar a rendibilidade vai ser difícil.

Como xestiona Caixa Rural Galega un escenario tan peculiar como o galego, no que os depósitos levan bastantes trimestres consecutivos por riba dos créditos?
É moi chocante. Para a caixa se este crecemento en clientes e depósitos non se complementa con novas vías de investimento pode chegar a ser un problema. Nós estamos canalizando todo o investimento que podemos e oxalá tivésemos moita máis demanda de crédito, pero non a hai. Estamos diversificando o máis posibles os nosos investimentos, é un bendito problema. Cando os depósitos en España están diminuíndo que cada vez máis xente confíe en Caixa Rural para nós é un referendo. Estamos buscando alternativas de investimento para investir ese caudal que os depositantes nos están confiando.

Perciben un éxodo de clientes das antigas grandes caixas galegas cara a Caixa Rural?
Para nós é difícil saber a procedencia, porque ou non nolo din ou non llelo preguntamos. Pero non cabe dúbida de que nun mercado decrecente, nós estamos gañando clientes e saldos. Nós aumentamos o número de oficinas e a proximidade é moi ben valorada, pero tamén hai sitios onde temos as mesmas oficinas que hai dous ou tres anos e tamén estamos medrando.

En clave de marca apostan por reforzar o seu carácter galego?

"Para nós os beneficios son un medio para cumprir os obxectivos estatutarios, non un fin"

Reforzar, non, porque é parte do noso ADN. Para nós é moi importante manter o espírito polo que se fundou a caixa a finais dos 60 para distribuír crédito nos ámbitos rurais fundamentalmente, porque as outras entidades tiñan ese segmento un chisco abandonado. Serviu de catalizador porque as primeiras transformacións do agro foron financiados: os primeiros tractores, os primeiros arados de vertedoira, as primeiras segadoras... No conxunto do PIB galego o sector agrícola foi diminuíndo en porcentaxe, aínda que en capital investido non baixou e a caixa foise abrindo. Hoxe o sector gandeiro é un sector máis para nós, non é máis dun 16 ou 18 por cento de todo o investimento. A parte fundamental do investimento crediticio da caixa é o financiamento de vivenda para particulares, como é no mercado en xeral. A caixa fundouse para servir de instrumento de financaimento e e de servizos bancarios para os seus socios, que non achegan á caixa para obter un rendemento do seu investimento, senón para obter acceso a servizos bancarios moi accesibles e a bo prezo. Ese é o noso obxectivo, non é obter grandes beneficios nin retribuír os socios dunha maneira moi alta. Necesitamos beneficios, porque as necesidades dos clientes son crecentes; cando eu entrei na caixa, por exemplo, un investimento nunha granxa eran 10 ou 12 millóns de pesetas e hoxe, 300.000 ou 400.000 euros; igual que dabamos hipotecas por 20 millóns de pesetas e agora, por 120.000 euros. Comos as necesidades dos socios son cada vez maiores, a caixa necesita gañar cartos para ter a solvencia suficiente. Pero para nós o beneficio é un medio para cumprir os obxectivos estatutarios, non un fin.

Neste contexto Caixa Rural Galega amosou unhas boas ratios de solvencia. Malia isto, coa política do BCE mantendo os tipos de xuros en niveis mínimos e coas proclamas a prol da concentración bancaria, temen cambios regulatorios que condicionen demasiado a súa evolución?
A presión regulatoria é moito máis forte e non podía ser doutro xeito e non só en España, senón na UE. Os Estados e, por extensión, a cidadanía, investiron ou gastaron moito no sistema financeiro e requería dunha reforma. As reformas son tendentes a que sexa máis difícil que haxa problemas nun banco, e isto conséguese esixindo maior ratio de solvencia e, sobre todo, de mellor calidade, así como unha maior esixencia normativa en canto a transparencia. Son cousas que a min me parecen ben, pero teñen un inconveniente: necesariamente hai unha relación entre estes requisitos e o crédito dispoñbile. Aínda que o BCE está facendo polícas de relaxación cuantitativa, de mercar bonos, os recursos escasos son os fondos propios dos bancos e os seus índices de solvencia. É un novo entorno regulatorio no que hai que moverse, as capacidades de medrar en investimento crediticio son menores pero ata o de agora tampouco hai esa demanda. Hai que estar moi atentos aos movementos regulatorios, que neste sector son claves e moitos deles exceden mesmo o ámbito da UE, son movementos mundiais que o mesmo afectan ao banco maís grande do mundo que á modesta Caixa Rural. A nosa gran vantaxe é que somos unha estrutura moi flexible e que ten moita máis capacidade de adaptarse aos cambios que outras entidades moito máis grandes.

Nos últimos anos as caixas estiveron máis de actualidade ca nunca, tamén máis mesturadas ca nunca coa política. Un día fálase de indemnizacións millonarias, outro de tarxetas black... Como analiza todo o sucedido?

"Estamos moi satisfeitos de non ter xerado ningún escándalo: Non as fagas, non as temas"

Canto menos se fale de nós, mellor. Gústanos aparecer moi pouco, porque o noso traballo non é a presenza pública, aínda que temos unha responsabilidade pública. Cometéronse moitos excesos e paréceme ben que se depuren responsabilidades e, nos casos nos que se detecten ilícitos penais, qeu a Xustiza faga o seu traballo, non pode ser doutro xeito. Nós estamos moi satisfeitos de non xerar ningún escándalo. Hai un refrán galego que di “non as fagas, non as temas”; cando non hai nada que ocultar... As nosas contas son públicas, están auditadas, non hai nada que esconder. Temos retribucións dignas e nada máis, os membros do Consello teñen as dietas que están publicadas e, desgrazadamente para eles, pouco lles compensan os gastos. Sempre digo que aquí, tanto para traballar como para formar parte do consello de administración hai que lle ter agarimo e crer nisto, porque non hai máis interese que o da caixa, que é o que ten que ser.

Agora fálase moito de recuperación económica, con datos como os que vimos de coñecer do paro rexistrado. Podemos falar de que estamos saíndo da crise en termos de rúa, alén das cifras macro?
É indubidable que as cifras macro están acompañando e isto, tarde ou cedo, vai chegar á microeconomía. Agora, temos que ter en conta unha cuestión: estamos cunha dopaxe brutal e gustaríanme saber cales van ser as súas consecuencias. Temos uns tipos de xuro baixísimos e unha expansión monetaria brutal, o BCE empezou a mercar unha cantiade de miles de millóns de euros que hai uns anos serían impensables... Se con estas medidas o enfermo non reacciona algo.... O problema está en canto tempo vai ser posible manter esta respiración asistida. Eu non son experto nisto, penso que ninguén o é, porque e un experimento que aínda non sabemos como vai rematar. Eu entendo que vai ter as súas consecuencias, porque se fose tan doado, inventaríase antes. Na historia, as veces que se fixeron este tipo de experimentos non saíron nada ben. Resumindo: é indubidable que se están producindo síntomas de recuperación claros, pero hai unha máquina a empurrar moi forte e está por ver se a economía avanza igual cando esa máquina se retire ou baixe o ritmo. Certamente, hai recuperación e chegará. O que me preocupa é a que custe.

"O problema máis grave que temos como país é o demográfico"

No caso galego, teme que se prolongue demasiado o estancamento de 2014, medrando a un 0,4% que é practicamente estar en plano?
Historicamente en Galicia o boom viña máis tarde e máis fraco, os ciclos da economía veñen máis suaves. Non sei se, igual que lles paramos as borrascas, tamén lles paramos as crises [ri]. Pode ser. O que si é que historicamente os ciclos son menos acusados que noutras economías. O problema máis grave que temos no país é o demográfico; non é exclusivo de Galicia, pero é impresionante.

Falta que este problema estea no primeiro plano da axenda política e económica?
É un problema difícil de resolver dende o DOG. Pero temos un problema como país, claramente. Entendo que os nosos representantes son conscientes.

Se cadra non dá moitos réditos electorais dicir que, antes de que falar de autovías, cumpriría falar de ter máis fillas e fillos?
Está claro. Pero a mellor maneira de que a xente teña fillos é que haxa máis actividade económica. Estou seguro de que se isto se pudiese arranxar dende o DOG xa estaría arranxado.

Sede central de Caixa Rural Galega, en Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.