"Cédese aldea a reformar. Prezo: 0 euros. Razón: Concello de Cortegada"

Imaxe da aldea da Barca © Concello de Cortegada

"Cédese aldea en Ourense, a negociar e reformar. Prezo 0 €". É o encabezamento do anuncio co que o Concello de Cortegada ofrece a posibilidade de que unha persoa, empresa ou entidade se faga cargo da aldea da Barca para levar a cabo a súa rehabilitación. Ofrécea de balde (só habería que pagar os gastos de xestión) e polo de agora xa hai ao redor de mil solicitudes interesadas, segundo revela La Región. O obxectivo é que quen se faga cargo do espazo, hoxe propiedade do Concello, lle dea unha nova vida, converténdoo nunha "aldea ambiental" ou "unha nova explotación turística e de ocio". Entre as ofertas que xa se recibiron están os proxectos de construír un resort de luxo, unha clínica especializada, unha comuna hippy, un centro de fabricación de queixo ou un complexo de meditación.

O lugar da Barca consta de 12 vivendas (catro de máis dunha altura) e uns 15 mil metros cadrados de terreo ao seu redor. O concello destaca que a aldea ten un gran valor etnográfico, e que foi no seu día un gran centro de comunicacións, pois por ela transcurría o Camiño Real que levaba a Castela e era o lugar por onde cruzaban o Miño as barcas para transporte de persoas e mercadorias (de aí o nome da aldea). Este carácter de lugar de paso obrigado facía que A Barca tivese un inusitado dinamismo económico e cultural.

Porén, as vías de comunicación foron mudando, e tamén se construíron novas pontes sobre o río, polo que o lugar foi perdendo importancia. Finalmente a aldea foi abandonada nos anos 50 coa construcción do encoro de Frieira e o lugar foi expropiado por Unión Fenosa. Aínda así, o espazo conserva valiosas casas de pedra, ademais doutros elementos patrimoniais, coma fontes ou pontes, hoxe en estado de abandono.

 

Aldeas á venda en toda Galicia

Na mesma web (www.aldeasabandonadas.com) ofrécense un total de 29 aldeas en toda Galicia, con características moi diferentes entre si, e prezos moi distintos igualmente. Dende unha pequena aldea de catro casas en Sanxenxo por algo máis de medio millón de euros; unha aldea na Terra de Trives con nove edificios, capela e cine por 290 mil; ou outro lugar deshabitado na Pontenova, con sete vivendas, por 349 mil. Tamén se ofrece unha aldea semellante á de Cortegada en Ferreira de Pantón, con igrexa e apta "para 21 familias", por 400 mil euros. Outras ofertas teñen prezos máis reducidos e refírense a núcleos de dúas ou tres vivendas, ou dunha vivenda con anexos.

Imaxe da aldea da Barca © Concello de Cortegada
Unha fonte, perfectamente conservada © Concello de Cortegada
Unha vista xeral da aldea, que consta de 12 casas © Concello de Cortegada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.