Cen mil persoas buscan emprego en Galicia dende hai máis de dous anos e non o dan atopado

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT Galicia

Considérase que unha persoa está en situación de desemprego de longa duración cando leva doce ou máis meses á procura dun posto de traballo e non é quen de atopalo. Dentro deste sector da poboación, quen padecen o paro dende hai dous ou máis anos son persoas ás que diversas análises económicas e sociais apuntan como albo dun problema de desemprego crónico. As súas condicións de idade ou formación, entre outros factores, provocan que a súa inserción laboral sexa moito máis complexa. Case oito anos despois do inicio da crise hai case cen mil persoas en Galicia á procura de traballo dende hai máis de dous anos e o desemprego de longa duración é padecido por seis de cada dez persoas que buscan traballo.

O paro de longa duración disparouse un 300% dende o inicio da crise e seis de cada dez persoas desempregadas no país están nesta situación

Segundo os datos máis recentes da Enquisa de Poboación Activa (EPA), difundida a pasada semana, no segundo trimestre deste 2016 había en Galicia 36.900 persoas que estaban á procura de emprego dende había entre un e dous anos, e 98.100 que xa atravesaran a barreira dos vinte e catro meses. Son, en total, 135.000 homes e mulleres en situación de desemprego de longa duración. Unha ollada cara a atrás permite comprobar que son case 10.000 máis que tres meses antes. Aínda que a evolución interanual é positiva, con case 20.000 persoas menos nesta situación que no segundo trimestre de 2015, o desemprego de longa duración disparouse máis dun 300% dende o inicio da crise. Non en van, a comezos de 2008 quen buscaban emprego en Galicia dende había máis dun ano eran mensos de 32.000 persoas.

Os anos da crise económica supuxeron tamén un cambio substancial no que atinxe ao peso do desemprego de longa duración no conxunto do mercado laboral e, nomeadamente, entre a propia poboación desempregada. Antes do estourido das dificultades económicas quen buscaban emprego dende hai máis de dous anos en Galicia eran en torno a unha cuarta parte das persoas paradas, e sumadas a quen levaban buscando emprego entre un e dous anos, supuñan arredor do 40% da poboación desempregada. Os datos máis recentes indican que na actualidade o sector de persoas desempregadas que máis pesa é o de quen buscan traballo dende hai máis de dous anos e o conxunto do desemprego de longa duración é o 60% do total.

O incremento tan significativo do desemprego de longa duración provocou que diminuíusen o seu peso no mercado laboral galego as traballadoras e traballadores que están no paro uns poucos meses, segundo a EPA. Así, na actualidade as persoas que declaran estar en situación de desemprego durante menos dun mes son apenas o 5% do total e o paro de un a tres meses ou de tres meses a medio ano pesan, respectivamente, arredor do 10% do total. Mentres, quen responden á EPA indicando que están a piques de abandonar o desemprego porque xa atoparon traballo son arredor do 5% do total.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.