"É xusto agora, en plena crise, cando a Xunta debe apostar polo sector eólico"

Parque eólico © Xunta

Rosa María Regueiro vén de presentar en Santiago A propiedade do vento galego. Malia recoñecer as potencialidades do sector eólico, é moi crítica coa escasa ou nula planificación que se fixo dunha enerxía que cre fundamental no futuro. "E estamos como estamos", advirte. 

Por que hoxe estamos como estamos no sector eólico?

Estamos como estamos porque nunca apostamos por facer un marco normativo integral. Hai que coñecer e estudar en profundidade a nosa realidade e a potencialidade de todo o conxunto enerxético, algo que non se fixo en Galicia, pero tampouco no conxunto de España. Si o fixeron países pioneiros como Dinamarca ou Alemaña, pero tamén o Reino Unido, Xapón ou China. Brasil, que comezou nisto hai oito anos, estudou o modelo alemán e adaptouno á súa realidade. Iso é clave: non copiar, senón copiar o bo e adaptalo ás túas características. Ademais, se reparamos na incidencia da actual crise económica nestes países que teñen un marco regulatorio desde hai anos, decatarémonos de que a están pasando moito mellor.

Podemos corrixir os erros do pasado ou chegamos tarde?

A situación é salvable, pero se empezamos xa. Debemos apostar por ese marco regulador, que debe considerar a todos os axentes implicados: administración, elementos que regulen a actividade dos gobernos, empresas, tecnólogos, financeiras, universidades... Pero tamén os propietarios dos terreos, que deberían ter claro cales son os seus deberes, pero tamén os seus dereitos e as súas obrigas.

Que é o urxente?

Estudar a evolución do sistema de primas, porque de cara aos novos parques xa están paradas, ademais dun réxime retributivo, fixo ou semifixo, en función do custo real da enerxía e non do ficticio déficit tarifario, que non é máis que un axuste contable que afoga a propia sociedade. Así non se reactiva o sector.

"Todos os gobernos caeron na trampa de politizar os concursos eólicos"

Non se politizou de máis o sector eólico?

Ese erro de politización foi común a todos os gobernos. Todos caeron na mesma trampa, a de politizar ou empresarializar os concursos. Adóitanse facer demasiado produtivistas, en lugar de facer unha valoración económica, mirando os intereses de Galicia, procurando que participen as empresas de fóra, pero tamén as de dentro. O sector debería ter un paraugas normativo que non existe... E hai empresas galegas que están arrasando fóra. Por que aquí non?

E por que non?

O sistema non está regulado na súa totalidade e non é eficiente. Acaba prexudicando as pequenas compañías, as que teñen menor dimensión. Hai empresas promotoras que aquí recibiron menos megavatios dos que recibiron fóra sen ser coñecidas. O que ocorre é que noutros países hai un marco regulador que as ampara, como no Brasil ou México. É hora de reaccionar, sobre todo neste momento económico inestable. Neste sector, saen adiante os que teñen un control normativo e regulado, coa creación de emprego ben delimitada, tendo en conta a futura repotenciación e máis o impacto ambiental. Noutras países saben que esta enerxía non é cara se se contribúe a regulala.

Cal sería a media máis urxente?

Facer unha norma, en forma de decreto ou de lei, que parta de coñecer realmente a nosa situación actual. Unha vez que sabemos a situación, debemos planificar dunha forma definitiva e concreta, á marxe de intereses partidistas. Hai que dar ás empresas seguridade xurídica para que invistan e explicarlles que o réxime de primas debe diminuír ou irse transformando, ao igual que pasou en Alemaña ou Dinamarca. Non podemos vender que se vai vivir das primas, así que precisamos unha base sólida. Ademais, os propietarios deben participar. Teñen dereito a recibir unha renda polas riquezas da súa terra e non que a inseguridade provoque, como ocorre agora, unha desafección por parte dos propietarios de cara aos muíños de vento. 

E esa desconfianza dos propietarios un dos grandes problemas?

Ese é un gran problema. Acaba prexudicando as pequenas empresas porque  as grandes teñen información privilexiada sobre os terreos e a xente acaba por non ver o verdadeiro negocio das súas terras. Hai empresas promotoras pequenas e galegas que se ven contaxiadas por esa mala fama das grandes e iso acaba lastrando a actividade e a importancia do sector. É un tema complexo. O bipartito establecía a participación dos propietarios como investidores, pero hai que ir máis alá, valorar os terreos, poñer unha base...

Non hai nin tan sequera unha base xurídica?

A lei do actual concurso eólico da Xunta tiña eivas na redacción, puntos non pechados, e iso dá inseguridade. Creo que non estamos nun momento como para deixar que as empresas marchen, poruqe se marchan non  han volver a Galicia.

"No sector eólico debemos deixar de lado os intereses ideolóxicos"

Dá a impresión de que non hai plans serios de futuro en canto ao sector eólico?

Pois si, dá a impresión de que só estivemos poñendo parches durante os últimos anos. Non fixemos previsión ningunha, nin control. O sector eólico leva aquí desde 1995 e moitas das máquinas son vellas, así que haberá que substituílas e repotenciar os parques, pero considerando tamén o impacto ambiental. Debemos saber como previr esta situación, avaliala e afrontala. Temos que deixar de lado os intereses ideolóxicos que alteran a dinámica dun sector. O que se cambia sempre é por cuestións ideolóxicas e é normal que cada goberno teña os seus ideais, pero hai partes estruturais que deberían quedar fóra desas liortas.

Que se fixo mal e ben no decreto e no concurso eólico do bipartito?

Desde o punto de vista lexislativo, foi rompedor no sentido de que incluíu a a posibilidade de que os particulares puidesen investir e iso foi un gran logro. A orde de valoración, por exemplo, tiña disposicións moito máis pechadas que o actual e era bastante axeitada. Pero houbo problemas porque non tratou con profundidade o tema ambiental e non foi máis aló en canto á regulación, ao non contemplar outros axentes. Digamos que quedou débil. Tamén se di que houbo tensións internas no Executivo entre os dous partidos e iso, se fose así, non axudou. Logo foi denunciado como ilegal, pero a Xustiza acaboulle dando validez. Iso tampouco deu credibilidade a quen chegou despois á Xunta.

"O decreto eólico da Xunta do PP critica as actuacións do anterior e esa non é a súa función"

E o do actual Goberno do PP?

A Lei 8/ 2009 é moi parecida á anterior. Cambia algúns elementos, pero tampouco trata en profundidade o problema ambiental e non considera a participación dos propietarios dos terreos. O único que fai é criticar as actuacións do anterior decreto, algo que non corresponde ao poder executivo, senón aos tribunais, que xa ditaron sentenza. A orde desta lei trataba de ser ambiciosa, pero nesa ambición deixou temas sen pechar que provocaron crispacións entre as empresas e sorpresas como que empresas punteiras, non só en Galicia senón noutros países, quedaran fóra e recorreran. 

"Legalmente, Galicia ten dous decretos eólicos en vigor e iso non nos beneficia"

Que nos queda agora?

A situación de agora é que temos dous decretos eólicos en vigor. Legalmente é así e non nos beneficia. O fácil sería corrixir o anterior e punto. Era menos custoso e máis eficiente. Ademais, dese xeito xa estarían funcionando moitos máis parques eólicos e acollidos ás primas, algo que agora non está garantido. Os dous concursos eólicos están vinculados ao pasado e non teñen garantías de futuro. Hai empresas que xa anunciaron que se non podían acceder ás primas, os seus investimentos ían estar condicionados. E é normal porque noutros lugares si que lles ofrecen garantías.

Que risco corremos?

Corremos o risco de que marchen moitas compañías e de que os parques eólicos queden obsoletos, porque agora hai que renovalos e loitar por unha maior produción. Chegará un momento no que os propietarios dos terreos queiran vender e non teñan a quen. Hai que amosar un interese real neste sector; iso é o necesario e o principal. Ou se quere estar ou non se quere estar.

E quérese estar?

Gustaríame pensar que se quere. O que non me creo é o argumento da crise económica. Non se pode deixar este sector de lado pola crise. É ao revés, en plena crise económica e coa suba de prezos do petróleo deberiamos apostar por este sector. A suba de prezos do petróleo non é temporal, vai seguir así, e o planeta ten un límite. A opción das enerxías renovables é o interesante e neste momento non son caras porque a tecnoloxía avanza moito e a amortización faise en moito menos tempo e de xeito máis barato.

Se os expertos apostan claramente por esta dirección, cal é o problema para que os gobernos non a sigan?

O problema é que as grandes empresas que operan no sector eólico tamén son donas de nucleares, térmicas, hidroeléctricas... E van movendo as rendas en función do que lles interesa. Aquí en España hai seis centrais nucleares e debemos ser conscientes dos seus perigos e dos seus beneficios. Temos que facer un estudo global dunha vez do sector enerxético español. España non ten uranio, ten que pagar polo petróleo, polo carbón... Fagamos os custos reais e definamos un marco regulatorio para que cada enerxía achegue o que teña que achegar. Veremos como as contas saen. E lembremos tamén que o déficit tarifario non é real, senón que se está imputando o custo de produción da enerxía máis cara, a nuclear. Isto é algo así como se nun supermercado pago as laranxas a prezo de champaña... É obvio que o supermercado gañará máis cartos, pero o consumidor sae prexudicado.

Rosa María Regueiro © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.