Ence xustifica a súa nova planta de biomasa en Lourizán coa “imparable extensión do eucalipto en Galicia”

Argumento empregado por Ence para a planta de biomasa sobre unha imaxe do recinto de Lourizán tirada do Plan de Ordenación do Litoral CC-BY-SA Praza Pública

“A extensión do eucalipto en territorio galego foi imparable nos últimos trinta anos, ata o punto de que esta especie ocupa agora o dobre de superficie que en 1986”. Ese argumento, sen mencionar en ningún momento o seu propio papel como incentivadora da plantación de máis eucaliptos, é un dos que emprega Ence para xustificar a construción dentro do seu recinto industrial de Lourizán, na ría de Pontevedra, dunha nova planta de xeración eléctrica con biomasa. Un novo edificio que a propia empresa admite que terá un impacto “negativo significativo” sobre a paisaxe e “negativo non significativo” sobre o ciclo da auga.

A empresa prevé un impacto “negativo significativo” da nova construción sobre a paisaxe e “negativo non significativo” sobre o ciclo da auga

A Xunta vén de someter a exposición pública para a súa avaliación ambiental a modificación urbanística que requiren varias actuacións que Ence quere realizar nos próximos anos no seu complexo de Lourizán. Son, segundo a empresa, obras derivadas do denominado “pacto ambiental” asinado coa Xunta en suposta compensación pola prórroga de 60 anos outorgada polo Goberno central á súa permanencia na ría de Pontevedra. Malia que non requirirán de novos terreos fora do recinto xa existente, o Goberno galego entende que é preciso avaliar o posible impacto ambiental de tres desas actuacións destinadas a aumentar a capacidade de Ence de coxeneración de enerxía eléctrica con biomasa, a mellorar a eficiencia dos seus combustibles e a habilitar o uso de gas natural para os seus fornos. Por iso, a empresa entregou á Xunta, que á súa vez somete a exposición pública, a súa propia valoración sobre os posibles impactos que terían esas actuacións.

É nesa documentación na que Ence emprega como argumentos para xustificar a súa nova planta de biomasa a “dispoñibilidade de madeira de eucalipto en Galicia”, achegando cifras que di obter da propia Xunta como que esa especie xa ocupa hoxe 425.000 hectáreas, das que 288.000 serían exclusivas desa especie e outras 145.000 “misturadas con piñeiro e carballo”. Ence admite que esas cifras superan as previsións do Plan Forestal actual -que a Xunta quere aumentar na revisión agora en marcha do documento-, pero nada di da súa propia responsabilidade nese incremento.

O impacto da planta de biomasa, salienta Ence, será positivo sobre o consumo de enerxía, xa que permitirá pasar de consumir recursos alleos menos sostibles a ser excedentaria de enerxía máis sostible

Na documentación agora a exposición pública Ence argumenta que o novo edificio que terá que levantar para acoller a planta de biomasa non terá impacto sobre a maioría dos elementos a ter en conta na avaliación ambiental, como a biodiversidade ou outras infraestruturas, porque estará emprazado dentro do recinto xa existente, gañado no seu día á ría. O impacto, salienta, será positivo sobre o consumo de enerxía, xa que permitirá que a planta deixe de consumir recursos alleos menos sostibles e pasar a ser excedentaria de enerxía máis sostible. Pero a propia Ence admite que o proxecto terá impactos negativos en materia de paisaxe e augas.

“O efecto da actuación prevista sobre a paisaxe, tendo en conta o volume e altura dos elementos que a compoñen valórase como negativa significativa, de carácter compatible”, di a documentación da empresa, na que se sinala que as novas construcións terán nalgúns puntos unha altura máxima de 70 metros. Para minimizar ese impacto visual e que sexa considerado aceptable a empresa xustifica que deseñou as novas construcións en chanzos de xeito que as máis baixas se sitúen nas zonas máis próximas ao exterior do recinto e as máis altas no su interior. Ence acompaña a súa argumentación de varios bosquexos que pretenden comparar os volumes actuais do seu complexo cos futuros.

Xustificación de Ence da disposición da súa nova planta de biomasa para reducir o seu "significativo" impacto paisaxístico

“O funcionamento da planta de coxeneración con biomasa necesita un elevado caudal de auga”, di Ence, pero matiza que “a planta traballará en circuíto pechado polo que, unha vez obtida a auga para o proceso, a captación redúcese ás perdas

O outro impacto” negativo”, neste caso “non significativo” que contempla a propia empresa é sobre o ciclo da auga, nun contexto no que non é público o consumo real actual dese elemento por parte de Ence. “O funcionamento da planta de coxeneración con biomasa necesita un elevado caudal de auga”, di, pero matiza que “a planta traballará en circuíto pechado polo que, unha vez obtida a auga para o proceso, a captación redúcese ás perdas que se producen no proceso e ás limpezas do circuíto de refrixeración, podendo ser estas augas vertidas co efluente residual de Ence, xa que a carga deste é moi baixa malia a ter unha elevada condutividade”.

Así minimiza Ence o impacto do novo edificio para a planta de xeración eléctrica por biomasa Dominio Público Ence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.