"Escotet é de fóra, non deste país de chourizos, e igual ten a palabra que aquí non houbo"

Afectados polas preferentes, nunha protesta CC-BY-NC-SA BNG

Juan Carlos Escotet, presidente de Banesco, o novo dono de Nogalicia Banco, prometeu solucionar o problema das preferentes en noventa días. Nada máis chegar a Galicia logo de confirmase a adxudicación de NCG ao seu grupo, o banqueiro venezolano asegurou ter a saída a un conflito no que ducias de milleiros de galegos levan atrapados dous anos e ao que as autoridades galegas e estatais non deron resposta satisfactoria ningunha. Os preferentistas, logo de tantas decepcións, non se fían, reciben "con prudencia" as novas pero recoñecen que estes anuncios fanlles recuperar a esperanza que en moitos casos xa estaban perdendo.

"Non teño a solución totalmente rematada porque estamos traballando nela, pero o compromiso é ter unha saída satisfactoria en 90 días para esta xente que pasou por unha situación que nunca se debería ter producido", vén de afirmar Escotet nunha entrevista en El País, tal e como xa fixera antes en declaracións públicas. Faltan uns 500 millóns por recuperar polos afectados, segundo os cálculos da Coordinadora Galega de Plataformas de Afectados por Preferentes, cifra que coincide case exactamente coa diferenza entre o prezo inicial marcado polo FROB (1.500 millóns) para Novagalicia e o importe final da venda (1.003).

"É unha promesa máis e queremos feitos, pero se quere comezar con bo pé, Escotet non ten outra opción"

"Non temos nin idea se isto foi froito dun pacto ou non porque se algo caracterizou a esta poxa é o seu secretismo total", di Xulio Vicente, da plataforma de afectados do Baixo Miño e voceiro da Coordinadora galega, que recolle "con prudencia" o anuncio de Escotet que, lembra, "non deixa de ser unha promesa máis de entre as ducias de promesas que temos escoitado nos últimos anos". "O que queremos son feitos", insiste o portavoz, que lembra que "nada cambiou" no discurso dos afectados: "devolución do 100% de todos os aforros". "Se este señor vai por aí, adiante; por pura coherencia, e se quere comezar con bo pé, non ten outra opción", engade.

Xulio Vicente anuncia que este mesmo luns os afectados polas preferentes pedirán unha reunión urxente coa nova dirección de Novagalicia Banco. Queren saber cal é a solución prevista e, se como se agarda, suporá a resolución do conflito e a devolución íntegra dos cartos. "Supoñemos que lle intererasará acabar con isto e teno doado", asegura o voceiro da Coordinadora, que dá un voto de confianza a Escotet. "Igual, ao ser de fóra deste país de chourizos, este señor ten palabra e axúdanos; os que nos gobernan aquí non teñen palabra ningunha", insiste quen se pregunta "se as nosas administracións dixeron algunha vez algunha verdade cara aos preferentistas".

"Escotet non ten culpa ningunha do sucedido e, se achega unha solución, ten moito gañado de cara ao futuro da entidade"

O preferentistas insisten en que agardarán acontecementos e que Escotet terá o seu "respecto" se acada unha solución, pero tamén advirten de que "pode ter un primeiro trimestre de ano complicado" se as súas promesas non cumpren co esperado. En canto á reacción dos afectados, Xulio Vicente ten claro que el quitará os cartos de Novagalicia en canto recupere os cartos atrapados, pero non cre que sexa algo xeneralizado. "Este home ten moito máis que gañar ca que perder se dá o paso que prometeu porque non ten culpa ningunha de todo o que pasou; se fai xustiza, está claro que ten moito gañado en canto ao futuro da entidade", recoñece.

Vicente ten ben claro que "igual que se legalizou por decreto un roubo", tamén se lle pode "dar a volta". "Todas as administracións recoñeceron que isto fora unha estafa, pero todos nos enganaron masivamente; agora a solución é doada", insiste quen confía nas palabras do presidente de Banesco, pero que lembra tamén que os afectados polas preferentes continuarán as mobilizacións ata que haxa solución e que teñen "demostrado" que, de non atopar saída, poden "poñer en moitos problemas" a aterraxe de Escotet en Galicia. Nas súas mans queda.

Escotet, durante a súa xuntanza co presidente da Xunta © Xunta
Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.