Galicia bate récords de aforro bancario mentres o crédito se estanca en niveis de hai dez anos

Billetes de 500 euros Dominio Público CC0

Boa parte dos bancos reestrutúranse, véndense, desaparecen do territorio, desafiuzan e mesmo estafan en Galicia. Pero Galicia non lles falla aos bancos. A crise económica e os innumerables avatares da última década trouxeron, entre as súas múltiplas consecuencias, a desaparición do sistema financeiro do país coa única excepción da Caixa Rural Galega, e unha notable restrición de acceso aos servizos financeiros e as súas vantaxes. O sinal máis evidente desta circunstancia é a radical restrición do crédito bancario que, tras fluír case sen control durante os anos da burbulla, comezou a ser retroceder ata estancarse en niveis de hai unha década. Mentres, os cartos que a poboación galega ten despositados nas entidades bancarias non deixan de bater récords.

Os datos do Banco de España amosan ás claras por que Galicia é un bo negocio para as entidades financeiras. No peche do exercicio económico do 2014 os depósitos bancarios galegos ascendían a 57.500 millóns de euros, uns 2.000 máis que un ano antes, mentres os créditos baixaban un chisco dos 45.000 millóns, 5.000 menos que no remate de 2013. O diñeiro gardado nos bancos mantívose durante todo o pasado ano por riba deses 57.000 millóns de euros, mentres que o crédito baixou sistematicamente, trimestre a trimestre.

Galicia ten depositados nos bancos máis de 57.000 millóns de euros e os créditos roldan os 45.000 millóns

Unha ollada retrospectiva permite coñecer que o montante crediticio que actualmente prestan as entidades bancarias en Galicia é moi semellante ao de finais do ano 2005. A diferenza fundamental é que daquela os habitantes do país tiñan depositados nas súas contas uns 35.000 millóns de euros. Así as cousas, os bancos prestan agora o mesmo que hai dez anos, pero manexan un 60% máis de cartos dos depositantes.

Os datos do regulador bancario serven tamén para coñecer que a proverbial tendencia ao aforro do pobo galego ten, neste caso, pouco de mito. Unha ollada polo miúdo aos depósitos bancarios de Galicia amosa que practicamente a metade, máis de 28.000 millóns de euros, están depositados en contas a prazo, isto é, en modalidades nas que a clientela se compromete a manter os cartos no banco durante un determinado período de tempo e a entidade, como contraprestación por reter ese diñeiro, ofrece unha determinada rendibilidade.

Dentro da outra metade do diñeiro galego depositado nos bancos destacan as contas de aforro, que supoñen case un 30% do total con pouco menos de 17.000 millóns de euros. As contas á vista, as empregadas para operacións correntes como ingresos de nóminas ou pagamento de facturas cotiás, representan menos dunha cuarta parte, con apenas 9.500 millóns de euros. A conta complétase co diñeiro das Administracións públicas, uns 2.100 millóns de euros, o 4% do total.

Galicia, fornecedora de crédito agás durante a burbulla

A radiografía dos depósitos e créditos bancarios amosa, asemade, que tras o estourido da burbulla inmobiliaria Galicia retornou ao seu papel habitual no que atinxe á relación co sistema financeiro: o de fornecedora neta de crédito para outros puntos do Estado. Non en van, dende finais de 2012 o diñeiro prestado polos bancos en territorio galego é inferior ao que teñen depositado e a fenda non deixa de alargarse trimestralmente.

En 2010 os créditos tocaron teito e chegaron a superar os depósitos en case 20.000 millóns

Aínda que esta fenda é agora a maior da serie histórica o feito de que os depósitos superen os créditos é a situación historicamente máis habitual en Galicia. Así, segundo os datos ofrecidos polo Banco de España, que se remontan a 1987, dende ese ano e ata 2004 os bancos sempre recibiron en Galicia máis do que prestaban. A tendencia inverteu nos anos do crédito descontrolado e tocou teito en 2010, cando os créditos acadaron os 72.000 millóns de euros, superando en case 20.000 millóns os depósitos.

Billetes de 500 euros Dominio Público CC0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.