Gandeiros inician o boicot a Lactalis

Campaña de boicot nun supermercado de Lugo © TVG

Un grupo de gandeiros, convocados por Unións Agrarias (UUAA), vén de iniciar un boicot ao grupo Lactalis que comeza en Lugo pero se espallará por toda Galicia e tamén no Estado de non haber reacción por parte da multinacional francesa. No supermercado Gadis do polígono do Ceao, varios produtores lanzaron este venres unha campaña informativa para pedirlles aos clientes que non mercasen produtos da marca francesa. 

UUAA reclama a Lactalis que "devolva" aos gandeiros os 2 céntimos que repercute á distribución pero "non traslada aos produtores"

Tal e como aclarou Óscar Pose, responsable de Servizos de UUAA, a acción reclama que Lactalis "devolva aos gandeiros os dous céntimos que dende decembro lle repercute a maiores a distribución na marca branca" malia "o compromiso de que se traslade aos produtores", tal e como lograran os gandeiros tras as mobilizacións do pasado inverno. "Lactalis ten nas súas contas 2 millóns de euros que non nos quere pagar", insistiu. No supermercado, uns trinta gandeiros pedían aos consumidores que non comprasen as marcas da multinacional francesa (Ram, El Ventero, Président, Gran Capitán ou Puleva) e si outras. 

A multinacional francesa denuncia os novos contratos a baixo prezo e a "cláusula fraudulenta" que tivo que retirar

Pero hai máis razóns polas que UUAA impulsa o boicot: os novos contratos de Lactalis, a 27 céntimos por litro para os vindeiros seis meses. Desde o sindicato, enténdese que é un prezo "moi baixo" tendo en conta que o mercado lácteo está a "repuntar". Óscar Pose entende esta táctica como o intento de mater un importe baixo ata pasado o inverno. E hai máis: "Lactalis retirou a cláusula fraudulenta, perocon iso non abonda. Tenlle que abonar aos gandeiros o que lle descontou en base a esa cláusula con descontos de entre 1 e 1,5 céntimos nos últimos meses". Refírese ao desconto que a multinacional levou a cabo aos gandeiros durante os últimos meses baseándose no anterior contrato lácteo, retirado tras a denuncia ante a AICA. Calculan no sindicato que supuxo un desconto medio de 500 euros por cada mes e cada explotación en Galicia. 

O sindicato xa anunciou que este boicot contra Lactalis irá incrementándose nos próximos días, con máis actos pola Coruña ou Pontevedra, así como a recollida de sinaturas por internet. De non atender a multinacional ás reivindicacións, este boicot estenderase ao Estado. 

Campaña de boicot nun supermercado de Lugo © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.