Gayoso dimite como presidente de Novacaixagalicia

Gayoso, Varela e Feijóo © Xunta

Gayoso marcha. O copresidente de Novacaixagalicia abandona a entidade logo da crecente presión para que dimitise e na semana na que a Audiencia Nacional admitiu a querela contra el outros catro ex directivos. Nela, considérase que o ex presidente de Caixanova colaborou para cambiar, sen comunicalo ao consello ou ao Banco de España, as cláusulas de indemnización de varios exdirectivos que marcharon con cantidades millonarias. Presionado, agora dimite, segundo confirmou un dos vogais do consello de administración celebrado esta mañá a varios medios.

Dimite tras confirmarse que será investigado por suposta administración desdeal ou apropiación indebida

O consello de administración de Novacaixagalicia, celebrado este xoves en Vigo, tiña pensado tamén tratar a renuncia do outro copresidente, Mauro Varela, que dimitiu xa tras as súas polémicas declaracións sobre as participacións preferentes. Agora marcha o seu compañeiro no cargo, Fernández Gayoso, logo de confirmarse que será investigado por suposta administración desdeal ou apropiación indebida tras a querela aceptada pola Audiencia Nacional. No entanto, a substitución do primeiro deles non foi posta sobre a mesa na xuntanza.

Algúns vogais do consello de administración xa advertiran antes da xuntanza a súa intención de solicitar a dimisión de Gayoso. Un deles, José Luis Veiga Lage, anunciou antes de entrar na reunión deste órgano que pediría a renuncia do copresidente Julio Fernández Gayoso e urxiu tamén a transformar a caixa en fundación de carácter especial e cambiar toda a cúpula, tal e como reclamaron en varias ocasións os traballadores de Novacaixagalicia. Non fixo falta que llo pediran. Julio Fernández Gayoso tomou a iniciativa e presentou a súa renuncia logo de 64 anos nas caixas e despois de resistirse a dimitir nas últimas semanas.

O substituto de Gayoso e máis Varela non se coñece aínda e non se coñecerá até o vindeiro consello de administración. Mentres, será Guillermo Alonso quen ocupe a presidencia provisional da entidade.

Ademais, Novacaixagalicia aceptou converterse en fundación de carácter especial, como pediron os seus traballadores, polo que sentará as bases para levar a cabo unha conversión que implica a renovación total de todos os seus órganos de goberno. Faino un día despois de que Feijóo anunciase que o Goberno galego presentará un proxecto de lei para transformar a entidade nesa fundación de carácter especial. Era tamén a forma de garantir a marcha de Gayoso, que decidiu abandonar antes.

Alberto Núñez Feijóo e Julio Fernández Gayoso © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.