Novagalicia Banco: o aforro sacrificado dos galegos

Alberto Núñez Feijóo e Julio Fernández Gayoso © Xunta

A historia é contada a miúdo polos vencedores. Os que perden botan man do dereito de réplica ou do silenzo administrativo. A da caixa única galega, que debe enfrontarse agora ao último gran obstáculo da súa curta historia, relátase desde as vísceras. Son os traballadores os que están a replicar a versión oficial de que aínda é posible sobrevivir como empresa independente e galega. "Aquí non hai esperanza nin ganas de vender motos", apunta un empregado de oficina. "Que lle dis a un cliente que che pregunta que vai pasar co banco onde ten os seus cartos?".

Horas despois de coñecer a intención do Executivo central, que pasa por poñer á venda as catro entidades nacionalizadas polo Estado, o ruxe ruxe esperta pantamas do pasado. Uns din que hai culpas na Xunta. Outros que a fusión foi a peor das decisións. Hai quen incluso bota man da chamada loita localista entre Vigo e A Coruña. "Había unha entidade que estaba moi mal", di un empregado da oficina central de Vigo. O certo, cos datos na man, é que Caixa Galicia e Caixanova operaron case como bancos durante moitos meses antes de unirse en Novacaixagalicia.

Un resumo da integración

A hemeroteca compromete parte desa historia que aínda queda por escribir. En outono de 2009, Caixa Galicia, dirixida por José Luis Méndez López, dixo publicamente que estaba interesada en fusionarse con Caixanova, presidida por Julio Fernández Gayoso. En Vigo, por contra, non había ningunha intención de apostar pola caixa única. Gayoso chegou a negociar unha fusión fría (ou SIP) con Caja Murcia ou Cajastur. Este paso implicaba a bancarización da caixa do sur e, de paso, obrigaba a Caixa Galicia a buscar unha alternativa viable para facer fronte ao futuro.

A Xunta de Galicia, e Alberto Núñez Feijóo persoalmente, levou a cabo todas as iniciativas posibles para forzar (ou convencer) a Caixanova de que o mellor era unha integración intrarrexional. Gayoso presentou un informe de mil páxinas que elevaba a 5.000 os millóns que ía requerir a operación. Feijóo solicitou outro, previo pago de un millón de euros a KPMG, para demostrar todo o contrario. Polo medio unha lei de caixas, impulsada polo BNG, chegou a comprometer a continuidade do propio Gayoso. Idas, declaracións, acusacions, denuncias, reunións... Ata que o Banco de España, que mirara cara outro lado mentres a exposición ao risco inmobiliario medraba ano tras ano, entrou en acción. Fusión si. Con "galeguidade, paridade e solvencia". Sen Méndez pero si con Gayoso. Cun consello de administración, remunerado mediante dietas, multiplicado por dous. Cun préstamo de 1.162 millóns de euros do FROB.

A integración

En maio de 2010, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy reuníronse en Moncloa para consensuar a primeira gran reforma financeira. Perseguíase a redución exponencial do número de caixas que operaban en todo o Estado. Para logralo entraba o FROB a través de cotas participativas sen dereito a voto nas entidades. O préstamo había que devolvelo en cinco anos ao 7,75% de tipo de xuro. Este abónase cada trimestre a costa dos beneficios. O Fondo Bancario sufragou SIPs (caixas unidas e bancarizadas) ou fusións. Sindicatos como a CIG ou UGT clamaron sempre contra a intención privatizadora deste primeiro paso de metamorfose do sector financeiro español.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.