O banco malo anuncia vivendas de oferta en Galicia mentres se nega a informar sobre elas ao Parlamento

Mapa coas vivendas ofertadas pola Sareb en Galicia e a súa contorna © Sareb

O pasado 4 de abril a Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), isto é, o banco malo impulsado polo estado para quedar co 'ladrillo tóxico' das entidades rescatadas, asinaba unha carta destinada ao Parlamento de Galicia. Nela resumía a súa negativa a entregar ao lexislativo galego un listado dos activos tóxicos -vivendas e terreos sen vender e mais préstamos ao sector da construción- que absorbeu de Novagalicia Banco no marco do rescate dos restos das antigas Caixanova e Caixa Galicia. Ao día seguinte de formalizar este atranco á comisión de investigación sobre as caixas a Sareb puña en marcha unha das súas campañas para tentar desfacerse das vivendas transferidas polos bancos con prezos de rebaixa. Entre estas ofertas figuran numerosos inmobles e terreos en Galicia, o que tamén acontece cunha segunda acción comercial activada polo banco malo o pasado venres.

A primeira destas campañas, lanzada co nome comercial Tu casa a toda costa, ofrece vivendas en diversos puntos do litoral por ser "un dos mercados con maior dinamismo comercial". Xunto ás ofertas en Levante ou Andalucía o banco malo reflicte ata 273 "activos" en Galicia, un dos cales é empregado especificamente como reclamo da promoción. "A vivenda máis barata sae á venda por 27.500" e "atópase en Cabana de Bergantiños", explica a Sareb, que especifica características do piso como que "dispón dun dormitorio e un baño" e que o seu prezo "inclúe praza de garaxe e trasteiro". A oferta está vixente, sinala, ata finais de xuño.

A segunda das campañas foi activada dende o 27 de abril baixo o lema Casas al alcance de todos e durará dous meses tendo como eixo central "inmobles en 37 provincias de España" que inclúen "tanto vivendas propias" do banco malo como "outras vinculadas a préstamos propiedade de Sareb", isto é, a créditos impagados que o banco malo absorbeu cos rescates. Os pisos desta campaña e mais da anterior forman parte dun catálogo máis amplo que, segundo o mapa da propia Sareb, ofrece en Galicia arredor dun milleiro pisos, locais, prazas de garaxe e solares.

O banco malo emprega como reclamo comercial unha promoción inmobiliaria en Cabana de Bergantiños por ser "a vivenda máis barata" dunha das campañas que ten en marcha

As propiedades á venda espállanse por diferentes puntos do país pero concéntranse especialmente na costa. Así, por exemplo, fronte á vintena de ofertas na cidade de Lugo ou ás apenas 40 da Coruña o banco malo tenta desfacerse de máis de medio cento de pisos preto de Laxe, de 80 prazas de garaxe en Cee, de case medio centenar de propiedades no centro de Vilagarcía ou de máis de 90 inmobles en Sanxenxo e a súa contorna. .

Cabe deducir, no entanto, que estas ofertas -xestionadas en boa medida a través de divisións inmobiliarias creadas polos bancos que participan na Sareb, como Sabadell, Santander ou Caixabank- son apenas unha pequena parte do 'ladrillo tóxico' que Novagalicia Banco lle transferiu a finais de 2012. Non en van, a escasa información feita pública daquela altura indicaba que os activos transferidos supuñan un importe total de 5.096,9 millóns de euros, entregados como parte da operación na que o Estado inxectou no banco galego algo máis de 5.400 millóns de euros.

Detalle da carta remitida pola Sareb ao Parlamento negándose a achegar o listado de activos que absorbeu en Novagalicia

Os detalles desa transferencia e unha listaxe completa dos activos transvasados é, precisamente, o que o Parlamento reclamou coñecer e o que o banco malo se nega a enviar. Como informou Praza.gal a Sareb sustenta a súa negativa en que a información solicitada polo lexislativo galego "afecta a persoas físicas" e está "suxeita" á lei de protección de datos. A entidade argumenta ademais que o contrato polo que Novagalicia lle traspasou os activos tóxicos incluía unha cláusula de confidencialidade. 

Imaxe dun dos edificios das vivendas ofertadas, en Viveiro © Sareb
Detalle dunha das promocións inmobiliarias ofertadas pola Sareb na costa galega © Sareb

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.