O banco malo négase a informar o Parlamento sobre o 'ladrillo tóxico' que lle transferiu Novagalicia

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Primeiro torpedeo ao reinicio da investigación sobre a fusión e quebra das antigas grandes caixas de aforro galegas. Dende o pasado xaneiro os grupos do Parlamento de Galicia traballan de novo na comisión de investigación sobre a desaparecida Novacaixagalicia, que tras tres anos de parálise foi reaberta cos límites determinados polo PP, que procura un peche rápido. Entre as escasas concesións dos populares á ampliación dos traballos está a incorporación de nova documentación, pero a achega dun dos informes solicitados vén de ser bloqueada pola entidade estatal que tiña que facilitalo: a Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb). Isto é, o banco malo participado polo Estado que foi creado para quedar co 'ladrillo tóxico' das entidades rescatadas.

O que o Parlamento pediu, concretamente, ao banco malo é un "listado" dos "activos traspasados" por NCG Banco durante o proceso de reestructuración. Dito doutro xeito, unha lista das propiedades inmobiliarias sen vender e dos créditos concedidos a ese sector dos que a entidade resultante da fusión e bancarización das caixas se tivo que desprender como parte das condicións para acceder aos fondos públicos do rescate. Naquela operación o Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) inxectou en Novagalicia algo máis de 5.400 millóns de euros e, á súa vez, o banco trasferiu á Sareb activos considerados tóxicos por importe de 5.096,9 millóns de euros.

O banco malo absorbeu en 2012 máis de 5.000 millóns de euros de activos tóxicos dentro da operación de rescate das antigas caixas

O importe total dos activos tóxicos transvasados ao banco malo é parte da escasa información que Novagalicia e a propia Sareb fixeran pública daquela operación. Fixérano, nomeadamente, na obrigada comunicación de NCG Banco á Comisión Nacional do Mercado de Valores en decembro de 2012. O banco malo quedaba o lastre inmobiliario das vellas caixas e a cambio entregáballe á entidade rescatada "valores de renda fixa" que contaban "coa garantía irrevogable do Estado español". Tratábase, informaban daquela, dun mecanismo semellante ao que atinxiu ao resto de caixas rescatadas.

Neste contexto, unha vez aprobada a solicitude de documentación o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, fíxolla chegar formalmente á Sareb, que respondeu cunha carta chegada ao Parlamento o pasado día 18. Na resposta, de apenas cinco liñas, o banco malo di "lamentar comunicar" ao lexislativo galego que "non pode dar cumprimento á solicitude". Faino, asegura, porque a información solicitada "afecta a persoas físicas" e está "suxeita" á lei de protección de datos. Ademais, agrega, o contrato polo que Novagalicia Banco lle traspasou os activos tóxicos inclúe unha cláusula de confidencialidade.

A Sareb alega que os datos reclamados polo Parlamento son confidenciais e están amparados pola lei de protección de datos

Así as cousas, a Cámara galega quedará sen coñecer con exactitude ata onde chegaron as alegrías inmobiliarias das antigas Caixanova e Caixa Galicia, os nomes das promotoras e construtoras que se beneficiaron dos seus créditos e as propiedades que non foi quen de vender. Deste xeito, o máis semellante a unha información sobre esta área das malogradas caixas é o paquete inmobiliario que ofertaba Novagalicia Banco inmediatamente despois do rescate. Naquela altura NCG ofertaba máis de 9.000 vivendas a través da súa firma inmobiliaria. Delas, apenas o 40% se atopaban en Galicia. Aquel portal non incluía, no entanto, información ningunha sobre os préstamos e promocións inmobiliarias fracasadas durante os anos da burbulla.

Ante esta primeira negativa a formación que incorporou esta petición ao plan de traballo da comisión, o BNG, valorará tramitar unha queixa formal ao respecto. Agardará, non obstante, a coñecer a dispoñibilidade ou non do resto da documentación solicitada. Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal subliñan, non obstante, que a negativa do banco malo a colaborar co Parlamento de Galicia ten escasa "xustificación" non só polo tempo transcorrido dende a trasnferencia de activos, senón tamén polo feito de que boa parte da documentación manexada pola comisión ten "carácter reservado", polo que os datos persoais que eventualmente puidesen figurar no informe estarían acollidos a esa mesma precaución.

Carta remitida pola Sareb ao Parlamento (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.