O persoal de Sargadelos en Cervo revoga a sindicalista sinalada pola empresa

Instalacións de Sargadelos en Cervo © Xunta

A asemblea de traballadoras da factoría de Sargadelos en Cervo decidiu revogar a sindicalista da UGT, Rogelia Mariña. O persoal cumpriu así cunha das condicións que o conselleiro delegado da empresa, Segismundo García, puxera para negociar a fin dun conflito que supuxo xa máis de vinte despedimentos dos 49 cos que ameazou no mes de agosto. De feito, agora a firma medita readmitir as persoas xa despedidas, tras ameazar mesmo co peche da fábrica. 

A asemblea de traballadoras de Sargadelos revogou a sindicalista de UGT, condición que puña a dirección para anular os despedimentos

O sindicato UGT denunciara esta asemblea ao asegurar que estaba instigada e tutelada pola propia dirección da empresa, algo que negan as traballadoras que o convocaban. No fondo, varios despedimentos executados e o conflito que desde hai meses mantén García coa que fora delegada sindical na fábrica. Con resta revogación, a sindicalista perde os dereitos que lle outorgan a súa situacion como delegada, como a permanencia no emprego. 

Na polémica asemblea, a dirección vetou a presenza de representantes de UGT, que xa anunciou que impugnará a consulta. Dos 61 votos escrutados, 45 optaron pola revogación de Mariña, mentres que once rexeitárona. 

Por outra banda, o deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida ao Ministerio de Traballo para saber "se a Inspeción de Traballo levou a cabo controis polo anuncio de 49 despedimentos na factoría de Sargadelos , algúns deles xa efectivizados".

En Marea pregunta ao Goberno central se a Inspeción de Traballo realizou controis polos despedimentos de Sargadelos

O deputado de En Marea quer saber "se a Inspeción de Traballo está ao tanto do que está acontecendo nese centro a partir do anuncio realizado polo propietario o pasado 17 de agosto de proceder aos despedimentos". “Fixo algún control? De non ser así, vai facelo?”, pregunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.