O segundo pago á empresa do hospital de Vigo equivale ao 40% da suba do orzamento sanitario

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

O proxecto de Orzamentos Xerais para 2017 traen consigo unha suba de algo máis de 100 millóns de euros no ámbito sanitario. Supón un incremento do 3% con respecto ao ano pasado, ata situarse arredor dos 3.600 millóns de euros, de atender á distribución funcional das contas. A Consellería de Sanidade é a que ten máis capacidade de gasto, por riba da de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Máis da metade do aumento no orzamento sanitario equivale á factura a pagar ao grupo que construíu o novo hospital de Vigo

Pero ese incremento de 103 millóns vese fortemente lastrado, como desde hai anos, pola factura de Álvaro Cunqueiro. De feito, máis da metade dese aumento equivale aos cartos públicos que van ir parar ás arcas do grupo empresarial que construíu o novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que xestiona tamén os seus servizos non clínicos. Son case 66 millóns de euros.

Así, en 2017 Sanidade ten que achegarlle á empresa case 42 millóns de euros (41,9), o segundo prazo anual pola construción do hospital, unha cantidade semellante á que se tivo que pagar neste ano vixente. Equivale ao 40,7% do aumento no orzamento sanitario para o vindeiro ano. 

Ademais, nos vindeiros exercicios, 2017 e 2018, haberá que seguir pagando cantidades semellantes a eses 42 millóns de euros. En 2019, serán algo máis de 39. Para os anos "2010 e seguintes" Sanidade estima o pagamento de máis de 592,2 millóns polos prazos da construción. Cando esas cantidades estean abonadas ficará aínda por satisfacer practicamente a metade da factura, 1.300 millóns de euros que os sucesivos Executivos terán que atender ata mediados da década dos anos 30 deste século.

A Xunta ten que achegarlle á empresa máis de 66 millóns, 25 deles como canon pola prestación de servizos non clínicos

De onde saen o resto deses máis de 66 millóns de euros para a concesionaria do novo hospital de Vigo? Son os que teñen que ver coa privatización de servizos non clínicos como retauración, lavandaría, mantemento, limpeza ou transporte interno, entre outros. Neste caso, o importe a pagar é duns 25 millóns de euros. 

En canto ao resto de partidas para sanidade, o gasto en persoal ascende para 2017 en 16 millóns, dos 1.551 deste ano vixente aos 1.567 do vinceiro. Ademais, tamén se incrementan en 20 millóns as transferencias correntes e en 80 o dedicado a bens correnes e servizos. En canto aos investimentos reais -onde se inclúen os 42 millóns do canon á concesionaria do Cunqueiro pero non os 25 da xestión dos servizos privatizados- a redución é de 9 millóns. 

 

A partida para os cregos do Sergas, case inalterable

O que apenas varía é a partida destinada gasto da Xunta a través do Servizo Galego de Saúde en servizos relixiosos, isto é, nos sacerdotes que exercen como capeláns nos diferentes hospitais públicos. Estas figuras son tratadas polo Goberno galego como traballadores do Sergas e, actualmente, supoñen un gasto de máis de máis de 630.000 euros ao ano. Son, con todo, case 20.000 euros menos do destinado durante 2016.

A Xunta ten orzamentos máis de 630.000 euros para pagarlles aos sacerdotes que exercen de capeláns nos hospitais públicos

Tal e como se pode comprobar no proxecto de Orzamentos para 2017, a Xunta ten orzamentadas 52 prazas de capelán, 41 delas a xornada completa. O salario de cada crego é de 13.973,64 euros brutos anuais, se fai o seu labor a tempo completo, e de 6.986,7, no caso dos capeláns a media xornada. En total, o orzamento do Servizo Galego de Saúde para "persoal relixioso" ascendeu nas contas públicas deste ano a 630.486,05 euros. En comparación cos Orzamentos de 2016, os salarios dos sacerdotes dos hospitais baixaron un 3%.

O montante total é o orzamentado, pero non adoitan cubrírense todas as prazas de capeláns, algo que levou aos sindicatos a pedir que estes cartos restantes se destinasen a persoal realmente sanitario. 

Con todo, para reducir o número de prazas habería uqe modificar o convenio que rexe a presenza dos sacerdotes nos hospitais dende 1995, cando a Consellería de Sanidade, daquela dirixida por José Manuel Romay Beccaría con Feijóo como secretario xeral do Sergas, acordou que o número de capeláns fose ligado ao número de camas de cada centro hospitalario. Aquel acordo foi prorrogado en 2005 polo goberno bipartito de PSdeG e BNG.

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.