Os galegos con tarxetas 'negras' de Caja Madrid

Oficina da antiga Caja Madrid CC-BY-SA El Diario

O escándalo dos sobresoldos en diñeiro negro a través de tarxetas de Caja Madrid, primeiro, e de Bankia, despois, está a protagonizar a actualidade do Estado nos últimos días e supón un novo episodio que amosa ás claras o descontrol económico, político, financeiro e tamén ético de moitas das antigas caixas de aforro. Poucos días despois de coñecer que o único dos máximos responsables das que foron caixas galegas, José Luis Méndez, está supostamente relacionado coa venda de pisos de Caixa Galicia por baixo do seu prezo, saltou á luz que a Fiscalía Anticorrupción está a indagar nos gastos presuntamente irregulares de conselleiros e directivos da caixa madrileña. Entre estes 86 nomes figuran, cando menos, o de tres persoas de orixe galega que suman uns gastos de máis de 200.000 euros.

Miguel Muñiz de las Cuevas

Nado en Ourense en 1939, foi presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO) entre 1986 e 1996, co Goberno de Felipe González. Dirixiu o Festival Mozart da Coruña e o seu último cargo de relevancia foi o de presidente do Teatro Real de Madrid durante o mandato de José Luis Rodríguez Zapatero no Goberno de España. Conselleiro de Caja Madrid a proposta do PSOE, o informe de Bankia sinala que gastou 20.800 euros da súa tarxeta negra.

Alejandro Couceiro Ojeda

Ata 2012 foi secretario xeral da patronal madrileña, na que desempeñou diferentes cargos durante 30 anos. No ámbito público foi tamén membro do Consello Social da Universidade Autónoma de Madrid, ademais de conselleiro xeral de Caja Madrid e integrante da comisión de control da entidade. O informe das tarxetas indica que gastou 70.900 euros das mesmas. Nunha entrevista concedida en 2008 a El Correo Gallego reivindicaba as súas orixes galegas, nomeadamente da Terra Chá, e lamentaba que a sociedade estivese inmersa nunha "crise de valores".

Francisco Moure Bourio

É, segundo o informe de Bankia, o directivo de orixe galega que máis cartos gastou das tarxetas, cun total de 127.300 euros. Naceu en Lugo en 1941 e foi directivo do INEM en tempos da UCD. Acumula un amplo currículo con postos directivos en múltiples empresas relevantes do Estado, como a construtora Isolux Corsan ou Autoestradas de Galicia -do grupo de Audasa-. En Caja Madrid, a proposta do PP, foi vicepresidente do Consello de Administración, da comisión executiva e da de retribucións, entre outros cargos. A comezos da pasada década foi presidente do Club Baloncesto Breogán e, nunha entrevista de 2008, considerou que Caja Madrid era, en parte, "obra miña".

Oficina da antiga Caja Madrid CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.