Reganosa funcionou 260 días por debaixo do mínimo técnico de seguridade en 2011

Gaseiro na Ría de Ferrol CC-BY-NC Susete

A Comisión Nacional da Enerxía publica os datos de actividade no pasado ano das seis plantas regasificadoras do Estado e a de Mugardos é a única que tivo na meirande parte dos días unha actividade por debaixo do que se considera seguro para o mantemento dos tanques de almacenamento.

Reganosa operou entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2012 un total de 260 días por debaixo dese mínimo, que no caso da planta ubicada na Ría de Ferrol, se sitúa en 60 GWh por día

En concreto, Reganosa operou entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2012 un total de 260 días por debaixo dese mínimo, que no caso da planta ubicada na Ría de Ferrol, se sitúa en 60 GWh por día, un 10% da capacidade total. Ademais, outros 65 días operou exactamente nese mínimo, cumprindo de forma moi axustada coa legalidade. O informe do Xestor Tecnico do Sistema Gasista indica que das demais plantas só a de Bilbao funcionou un número destacable de días por debaixo do mínimo de seguridade (37 días), mentres que Cartagena o fixo 10 días, Barcelona e Sagunto dous días e Huelva 1 día. 

Para o Comité Cidadán de Emerxencia estes datos demostran o carácter deficitario desta instalacion, que acumulou un custe ao longo de 2011 de 58 millóns de euros. O Comité denunciou reiteradamente nos últimos meses que para manter estes niveis mínimos a planta iniciara unha nova actividade, consistente en descargar gas procedente de Trinidade Tobago para cargalo ao día seguinte en dirección a Arxentina, ou procedente de Alxeria para cargalo de inmediato en dirección a Xénova. A plataforma censura estas operacións, que cualifica de "inútiles", "caras" e de "perigosas" e que só terían o obxectivo "de manter aberta unha planta que case non ten actividade".

Gaseiro na Ría de Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.