Reveladas supostas vendas irregulares de inmobles de Caixa Galicia á muller de Méndez

Méndez, ao carón do presidente da comisión CC-BY-SA Praza Pública

A xestión das caixas volve sementar polémica e sospeitas máis que escandalosas. Documentación anónima recibida polo sindicato CIG desvela supostas vendas irregulares de inmobles pertencentes á corporación de Caixa Galicia á muller do banqueiro. Segundo esa mesma documentación, as transaccións leváronse a cabo por baixo do valor da taxación e cando xa se coñecía a fusión das extintas caixas galegas. En total, as operacións ascenderían, cando menos, a 1,8 millóns de euros.

Documentación anónima recibida pola CIG desvela supostas vendas irregulares de inmobles da corporación de Caixa Galicia á muller de Méndez

Foi o responsable de CIG Banca, Clodomiro Montero, quen desvelou esta información nunha rolda de prensa na que compareceu xunto ao portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, a quen informou desta documentación recibida, que tamén lles será trasladada ao resto de grupos da Cámara galega.

Todos os datos foron remitidos ao sindicato “dun xeito anónimo” e inclúe escrituras notariais, taxacións, e anotacións en conta das que se desprende que a Corporación Caixa Galicia, -con José Luís Méndez López como presidente e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, como conselleiro delegado-, vendeu propiedades por debaixo do prezo de taxación a Rosa Pascual, cónxuxe do que fora director de Caixa Galicia durante 29 anos, tras unha previa separación de bens.

Ante estes "indicios graves de delito", a CIG pide que se investiguen na comisión de investigación das caixas, polo que o BNG pide xa a "reapertura" deste órgano parlamentario, que rematou en 2013 a fase de comparecencias e que agora se atopa á espera de que o portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, entregue unha proposta de conclusións.

O BNG pide a "reapertura" da comisión de investigación das caixas ante estes "indicios graves de delito"

Non obstante, Jorquera lembrou que a propia comisión contemplaba a posibilidade de reabrir este órgano parlamentario se aparecían feitos novos relevantes, polo que ve motivado que se volva convocar e se investigue esta documentación.

Segundo reiterou Clodomiro Montero, trátase de documentación que apunta operacións de venda á muller de José Luís Méndez, nas que tamén estaría implicado o fillo de ambos os dous -conselleiro delegado da entidade- e que inclúe actuacións por preto de 700.000 euros dous días antes de que se anunciase a fusión das caixas (Caixanova e Caixa Galicia).

Feijóo di non saber nada e aposta por que se "estude" esa nova información "se a comisión a considera relevante"

Preguntado polo tema, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo di que "nin coñecía nin coñece" nada deste asunto. "A comisión de invesitgación tivémola durante meses e lamento que non se propuxese a través do BNG a información da que dispón", asegurou, tras aclarar que na devandita comisión se falou "con luz e taquígrafos da información das caixas, das auditorías, do papel do Banco de España e das auditorías". "Se hai máis  información e a comisión a considera relevante, que se estude; estamos a disposición desa comisión de investigación", finalizou.

Méndez, ao carón do presidente da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.