Se hai folga, acendemos as farolas

Farolas acesas na Coruña ao mediodia © David Lareo

Feita a lei, feita a trampa. Dende hai un tempo sindicatos, gobernos e medios de comunicación emprestan crecente importancia aos datos de consumo eléctrico para medir o impacto dunha folga xeral. Trátase dun indicador máis obxectivo que as contrapostas e sempre moi distantes cifras de seguimento do paro ou de participación nas manifestacións. Por este motivo algúns concellos gobernados polo PP e CiU en todo o Estado puxeron neste 14N un sorprendente empeño en modificar este dato tomando a decisión de manter aceso até o mediodía o alumeado público. A pesar de que o impacto destas medidas nos datos globais sexa insignificante. A pesar do prexuízo que este desbalde enerxético lle produce ao medio ambiente. A pesar do gasto público superfluo. A pesar do evidente e ridículo da medida.

Na cidade herculina as farolas e algunhas vallas publicitarias mantivéronse iluminadas até a unha do mediodía

Foi o caso do Concello da Coruña. Na cidade herculina as farolas e algunhas vallas publicitarias mantivéronse iluminadas até a unha do mediodía. E dende logo foi un dos temas máis comentados na masiva manifestación que avanzaba polas rúas a pleno sol e baixo as farolas acesas. Pero non foi o único. Ao longo do día foron chegando denuncias de distintos puntos do Estado nos que esta práctica se repetía: San Vicente del Raspeig, Valladolid, Barcelona, Albacete, Valencia... O alcalda da Coruña, Carlos Negreira, desculpouse a través de twitter a última hora da tarde polas "molestias" ocasionadas polo alumeado diurno, pero asegurou que se debeu a "comprobacións e reparacións".

 

Os datos

Os datos amosan que o seguimento desta folga xeral foi moi importante, aínda que inferior ao dos paros do 29 de marzo de 2012 e 29 de setembro de 2010. Nesta folga a caída da demanda eléctrica fronte á demanda prevista foi de 11.34 puntos. En marzo fora de 14.3 e en setembro de 2010 de 13.5

Os datos de consumo eléctricos son obxectivos e, para todos os actores da folga, confiables. Porén, tamén aquí se entra en discusións, neste caso na metolodoloxía empregada para comparar a demanda desde 14N coa dun día normal ou coa doutros paros. Tanto se se pon en comparación a demanda de enerxía deste 14N coa do mércores pasado ou coa previsión de consumo que todos os días realiza Red Eléctrica, os datos amosan que o seguimento desta folga xeral foi moi importante, aínda que inferior ao dos paros do 29 de marzo de 2012 e 29 de setembro de 2010. 

Nesta folga a caída da demanda eléctrica fronte á demanda prevista foi de 11.34 puntos. En marzo fora de 14.3 e en setembro de 2010 de 13.5. Os sindicatos falan en calquera caso de que se introduce un nesgo importante polo incremento do número de desempregados nun millón e medio de persoas dende 2010 e de 600.000 dende marzo.

A folga fixo que o consumo imputable á actividade produtiva se reducise en algo máis do 62%. Un cifra moi importante, aínda que inferior á rexistrada o 29 de marzo: 87,7%. E tamén inferior á acadada no paro xeral do 29 de setembro de 2010: 68,4%

O colectivo Economistas Frente a la Crisis fai fincapé noutro indicador: o do consumo de electricidade imputable á actividade produtiva. Explican que a folga non afecta, por exemplo, ao consumo dos fogares (iluminación, neveiras, calefacción etc.) e tampouco afecta o consumo de electricidade do comercio e dos servizos que, aínda que se vexan afectados parcial ou totalmente pola folga, manteñen a iluminación, as calefaccións, os servidores dos sistemas informáticos e os electrodomésticos en funcionamento (os peches completos destes establecementos son, naturalmente, moi escasos). A isto hai que engadir que as folgas tampouco afectan a procesos industriais continuos como son os que se verifican na electroquímica, no aluminio, na cadea do frío etc. Doutra maneira, poderíanse producir danos nas infraestruturas produtivas. Nos seus cálculos, a folga fixo que o consumo se reducise en algo máis do 62%. Un cifra moi importante, aínda que inferior á rexistrada o 29 de marzo: 87,7%. E tamén inferior á acadada no paro xeral do 29 de setembro de 2010: 68,4%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.