Unha folga "histórica" para os sindicatos na que o Goberno central viu pura "normalidade"

A directora de Política Interior informa sobre a folga © RTVE

Cada un fala da folga segundo lle foi nela. Ou segundo lle gustaría que lle fose. Mentres, con maior ou menor intensidade, todas as cidades do Estado baixaban o seu ritmo ata o semellante ao dunha xornada festiva e as centrais sindicais convocantes da folga falaban dunha xornada "histórica" o Goberno central esforzouse especialmente por tentar minimizar o impacto da convocatoria e, por extensión, os efectos que esta pode ter na súa política. "Atopámonos nunha situación de normalidade", reiterou nas súas comparecencias a directora xeral de política Interior, Cristina Díaz, o rostro tecnocrático que o gabinete de Mariano Rajoy volveu elixir para informar do impacto das mobilizacións.

Coa folga tratada esencialmente como unha cuestión de orde pública e non laboral -o habitual nos distintos Executivos foi que o Ministerio de Traballo estivese á fronte do operativo- a alto cargo de Interior observou "unha incidencia limitada" do paro, limitándoo a ámbitos concretos como o transporte urbano das cidades e poñendo o acento nas detencións e persoas feridas. Mentres, na banda sindical non se oculta a satisfacción polo seguimento dunha folga que, no caso galego, din as centrais maioritarias, pode ter a consideración de "histórica" grazas a "unha participación do 90%".

As tres centrais maioritarias sitúan no 90% o seguimento do paro xeral en Galicia

"O éxito da folga non é mérito dos sindicatos convocantes, senón dos traballadores e traballadoras", subliñan CIG, CCOO e UGT que, non obstante, si ven na participación un resultado da "ampla campaña informativa" desenvolvida nas últimas semanas. "A convocatoria tivo un especial seguimento en sectores como a recollida de lixo e limpeza viaria, transportes públicos, portos e aeroportos, sector naval, automoción ou comercio e hostalería", destacan. Do mesmo xeito, concédenlle especial relevancia a que parasen total ou parcialmente "firmas tan significativas" como Citroën, en Vigo, Navantia, Ferroatlántica, Faurecia, Frinsa, Begano, ENCE, Gamesa, Zara Loxística ou Pull&Bear, entre outras grandes empresas con sede no país.

Necesidade dun "cambio de rumbo"

Contra o remate da xornada as tres centrais sindicais consideraban a grande incidencia da folga mostra máis que suficiente da necesidade de que os gobernos español e galego impriman "un cambio radical nas súas políticas" para apostar "polo crecemento económico, a creación de emprego" e a "restitución dos dereitos laborais". "Se non escoitan a cólera de quen se manifesta nas rúas, os dirixentes equivócanse" e, no caso de que non exista ese "cambio de rumbo cara a un novo sistema económico máis social, xusto e solidario", CIG, CCOO e UGT advirten de que "este 14-N terá continuidade cunha mobilización sostida no tempo porque, do contrario, teremos máis problemas e unha maior deterioración social".

De Guindos: "O camiño iniciado é a única saída posible"

Así e todo, das mensaxes emitidas dende La Moncloa non semella poder tirarse intención ningunha de cambio de rumbo. Non aconteceu nas comparecencias da directora de Política Interior nin tampouco na imprevista declaración do ministro de Economía, Luis de Guindos, que dende o Congreso dos Deputados insistiu en que a folga "non é o camiño axeitado para reducir a incerteza"."Estamos nunha crise longa, que xerou sacrificios e incertezas á sociedade española". Pero, dito isto, De Guindos teima nos recortes: "o camiño iniciado é a única saída posible para saír da crise, deixar atrás o paro e garantir o futuro do Estado de Benestar", sentenza.

A directora de Política Interior informa sobre a folga © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.