Praza aberta ao talento

  • Editorial

Praza Pública naceu co obxectivo de ser o xornal da Galicia que vén e que xa está aquí, no convencemento de que a este país non lle cómpren o silencio nin a resignación. Unha das misións desta ágora é mostrar –e compartir e reivindicar– o talento das xentes nos ámbitos da cultura, das artes, da investigación, da tecnoloxía, do emprendedorismo, do asociacionismo... en fin en todos aqueles sectores cruciais para un país moderno.

Ofrecemos as páxinas deste medio a todas as persoas que teñen obras, iniciativas e experiencias que paga a pena compartir

Por iso mesmo, ofrecemos as páxinas deste medio a todas as persoas que teñen obras, iniciativas e experiencias que paga a pena compartir. As primeiras pedras xa están postas: na semana pasada, publicamos un capítulo do libro A saúde como negocio, cedido pola editorial e o coordinador da obra; e hoxe mesmo, divulgamos dous poemas e un capítulo do libro turístico-literario Un mar de sensacións, igualmente en colaboración coa editorial e cos autores.

As páxinas de Praza Pública están abertas a todas as editoriais do país –e de fóra– que desexen divulgar obras en lingua galega mediante a cesión dun capítulo, fragmento ou extracto, de xeito que se amplíe o público que ten coñecemento de tales obras e acceso ao seu contido; mais tamén aos grupos musicais e ás empresas discográficas, ás compañías e asociacións de artes escénicas e ás empresas audiovisuais, aos artistas plásticos e ás galerías de arte, aos grupos de investigación, ás cooperativas, aos colectivos e empresas de desenvolvemento de software, aos emprendedores... A única condición é a da calidade e relevancia dos contidos, ben como a preferencia polas obras en lingua galega, aínda que a depender dos ámbitos ese requisito pode ser flexibilizado ou mesmo non aplicable.

A divulgación do mellor que temos a ofrecer como sociedade é un piar fundamental para o desenvolvemento do país

Desexamos que esta praza sexa de todas as persoas comprometidas co desenvolvemento do país, e nese sentido a divulgación do mellor que temos a ofrecer como sociedade é un piar fundamental. O convite está lanzado e non ten data de caducidade, polo que agardamos que esta liña de colaboración sexa duradeira e moi frutífera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.