0 Gardados para despois

Editorial

Sete certezas e sete dúbidas sobre o "rescate" a España

As certezas

1. A economía española está en graves problemas debido ao desmesurado endebedamento privado, motivado principalmente pola pésima xestión das mesmas entidades financieiras que deberían darlle solidez, e secundariamente ao endebedamento –en boa medida, inducido polas propias entidades financieiras– de empresas e familias.

Recortar o gasto público non resolve os problemas estruturais que padecemos, mentres que socializa o sofremento

2. A raíz da crise que atravesamos non estivo nunca no exceso de gasto público, polo que recortar nese aspecto –e máis aínda cando se fai en políticas de benestar social (sanidade, educación, servizos sociais e dependencia, salvándose só até agora a cobertura ao desemprego)– non resolve os problemas estruturais que padecemos, mentres que socializa o sofremento. Cun engadido importante: convén non perder de vista que as comunidades autónomas, a pesar de xestionaren os servizos públicos máis onerosos (sanidade e educación), son responsables por menos do 5% do total da débeda española, o que dá conta da eficiencia dunha xestión descentralizada e do razoable desempeño dos sistemas de financiamento autonómico pactados até agora.

3. A bolla inmobiliaria provocada pola Lei do Solo, aprobada no mandato de Aznar, é a grande responsable tanto da artificial prosperidade creada na virada do século –e mantida polos gobernos de Zapatero como vía de financiamento fácil das necesidades orzamentarias– como da crise e recesión que seguiron ao seu súbito desinflamento.

A ausencia de soberanía do Banco de España sobre a emisión de moeda, a fluctuación do cambio e os tipos de xuros, en decorrencia da integración de España na Unión Monetaria Europea, resultou letal

4. A ausencia de soberanía do Banco de España sobre a emisión de moeda, a fluctuación do cambio e os tipos de xuros, en decorrencia da integración de España na Unión Monetaria Europea, resultou letal. O sometemento aos intereses de Alemaña provocou unha miraxe idílica (a famosa integración na “Champions da economía”, en palabras de Zapatero) da que estamos a acordar arrepiados.

Asistimos a unha devaluación encoberta –a través da contracción dos salarios– que constitúe unha escolla ideolóxica profundamente regresiva e probablemente abocada ao fracaso

5. A falta de competitividade da economía española segue, comparativamente, nos mesmos niveis que antes da fase de intenso crecemento previa á crise, o que dá conta da incapacidade da maioría das empresas para aproveitar os tempos de bonanza no sentido de modernizarse, o que pasaría ineludiblemente polo impulso da I+D+i e polo aumento de salarios. Ao invés diso, asistimos a unha devaluación encoberta –a través da contracción dos salarios– que constitúe unha escolla ideolóxica profundamente regresiva e probablemente abocada ao fracaso, toda vez que a clase empresarial desiste das súas responsabilidades e utiliza o aparello estatal para manter (ou mesmo incrementar) as marxes de beneficios sen afrontar as mudanzas estruturais necesarias. Isto, unido aos drásticos recortes de gasto público en I+D+i, lastrará a competitividade da economía española no medio e longo prazo de maneira notable, reducindo sensiblemente as marxes dunha eventual recuperación.

6. A decisión de unir a sorte das contas públicas á evolución da saúde das institucións financieiras, pactada a finais de 2010 polo PSOE e o PP, demostrouse completamente errada. Se daquela aínda había escolla, hoxe carecemos dela ou, en todo caso, as consecuencias de optar por unha solución heterodoxa serían moito máis dramáticas: xa non se pode sanear o sistema eliminando as entidades insolventes, dado que a nacionalización das súas débedas atrela o destino da estabilidade orzamentaria ao saneamento dos balances da banca privada e das caixas de aforro nacionalizadas vía FROB.

A pésima xestión das entidades financieiras tanto na época do boom especulativo como no destino dado aos fondos públicos inxectados desde o comezo da crise debe ser obxecto dunha investigación exhaustiva que depure responsabilidades

7. A pésima xestión das entidades financieiras tanto na época do boom especulativo como no destino dado aos fondos públicos inxectados desde o comezo da crise debe ser obxecto dunha investigación exhaustiva que depure responsabilidades. As Cortes españolas, ben como os respectivos Parlamentos e Asembleas das comunidades autónomas no caso das entidades financieiras de ámbito territorial, teñen o deber ético e político de instaurar comisións de investigación. E, desde logo, a Fiscalía está obrigada a entrar neste asunto até as últimas consecuencias.

As dúbidas

1. É unha medida acertada colicitar o rescate da UE para sanear, basicamente, tres entidades financieiras? Ou poderíase articular unha fórmula alternativa de endebedamento (p.ex. mediante o empréstimo directo do BCE ao Estado español) que o tornase desnecesario?

2. Cal será o alcance do rescate, tanto cuantitativamente (monto total da inxección de capital) como cualitativamente (modelo de xestión do fondo de rescate e contrapartidas a seren concedidas polo Estado español á troika)?

Cales serán as consecuencias do "rescate" sobre as políticas públicas?

3. Cales serán as consecuencias sobre as políticas públicas? Ao máis que previsible aumento de impostos –fundamentalmente do IVA (imposto indirecto e, por tanto, regresivo)– seguirán novos recortes do gasto público? En caso afirmativo, serán unha vez máis os servizos públicos esenciais o albo das novas tesoiradas?

4. Que destino se dará ás entidades nacionalizadas? Que parte ficará en mans públicas, que parte será privatizada e cal será o destino dado aos ingresos obtidos da venda deses activos?

5. A banca privada que non será obxecto de rescate, está en condicións de dar cumprimento aos prazos de devolución das liñas de crédito público ás que recorreron desde o comezo da crise?

Hai vida despois do euro?

6. O que fica da soberanía dos Estados-nación como España? Paga a pena pagar un prezo tan alto como deixar de decidir o propio destino para seguir a formar parte da eurozona? Hai vida despois do euro?

É posible unha aposta pola reformulación do modelo de Estado vixente actualmente en España que estenda o modelo basco-navarro a outros territorios, como –sen ir máis lonxe– o noso país?

7. É un bo negocio para os territorios sen estado, como é o caso de Galicia, seguir dentro de estruturas estatais que lles negan a soberanía fiscal e financieira e que, ao tempo, carecen dela? Que peso político terá Galicia co afastamento do centro de decisións de Madrid a Bruxelas? É posible unha aposta pola reformulación do modelo de Estado vixente actualmente en España que estenda o modelo basco-navarro a outros territorios, como –sen ir máis lonxe– o noso país? Hai vontade política de dar ese debate por parte dos partidos galegos e do noso Parlamento?