Días que poden mudar a historia

  • Editorial

Estamos a vivir días que poden mudar a historia, deses que probablemente teremos que revisitar no futuro para entender aonde chegamos e por que vieiros. Como no vórtice dun redemoíño, nas últimas semanas estamos a asistir a movementos decisivos no ámbito da economía, da política institucional e da mobilización social, movementos diverxentes e que prenuncian unha acentuación das tensións.

Ante un panorama económico que, impulsado pola errática política do Goberno español, está a deixar de configurar unha recesión para bater ás portas dunha profunda depresión, a sociedade non ten outro recurso que non sexa o da mobilización nas rúas como primeiro paso para reclamar, por unha parte, a soberanía das institucións democráticas fronte aos poderes económicos; e, por outra, a posta dos poderes públicos ao servizo aos intereses da inmensa maioría da cidadanía fronte á sensación –sobradamente xustificada– de connivencia coas mesmas elites financieiras cuxa desastrosa xestión causou a crise. Nese sentido, as mobilizacións do pasado 19-X constitúen un punto de inflexión moi significativo.

O 19-X como punto de inflexión

O 19-X deixa múltiplas lecturas que, se ben non son suficientes para dar rédea solta ao optimismo, si abren polo menos as portas á esperanza, e isto por varios motivos: pola multitudinaria participación, en todo o Estado pero moi especialmente en Galicia, unha vez máis punta de lanza da mobilización dos sectores sociais máis progresistas; polo rotundo éxito da unidade sindical, unha conquista que á vista da resposta obtida non pode ter volta atrás e cuxo mantemente resulta esencial para seguir a dar pasos adiante; e pola confluencia entre a dinámica sindical e a da participación cidadá que nos últimos tempos veu encarnando o 15-M. A xornada do 19-X demostrou que a defensa do benestar social e dos bens comúns é un punto de encontro ao redor do cal se congrega unha inmensa maioría social, da cal as persoas que estiveron nas rúas son a parte máis activa. Sería un erro de consecuencias dramáticas ignorar esa potencialidade, reducíndoa unicamente ao ámbito da crítica e renunciando a articular un programa de acción en común que poida canalizar as arelas de profundas transformacións nas relacións económicas, institucionais e sociais.

A xornada do 19-X demostrou que a defensa do benestar social e dos bens comúns é un punto de encontro ao redor do cal se congrega unha inmensa maioría social

Se a esquerda social, a esquerda política e os sectores progresistas dun modo xeral son capaces de consensuaren propostas para un cambio real e non meramente cosmético da situación que hoxe nos abala e enche de inseguridades, hai poucas dúbidas de que esa trilla será seguida maioritariamente polos sectores sociais agredidos pola crise: desempregados, pensionistas, traballadores precarios e/ou en risco de desemprego, funcionarios, estudantes, profesionais liberais, autónomos, pequenos comerciantes... E é que o caso é atopar, fóra das elites empresariais, financieiras e políticas, quen non se vise atinxido –tanto no seu benestar material como nas súas expectativas de futuro– por esta crise e pola xestión que dela se ten feito até aquí, nunha espiral de recortes cuxa verdadeira finalidade ideolóxica, profundamente regresiva, fica cada vez máis clara aos ollos dunha cidadanía que non recibe máis explicación que slogans baleiros de contido.

As rúas están perto do punto de ebulición e intentar ignorar este feito, parapetándose detrás dunha maioría absoluta parlamentar (Mariano Rajoy) ou intentando perpetuala mediante reformas electorais trucadas (Alberto Núñez Feijoo), non fará máis que exacerbar as tensións. Cómpre, como esixiron hai uns días as centrais sindicais e como veñen reclamando diferentes forzas políticas, darlle a palabra á cidadanía, consultarlle o rumbo a tomar e obrar en consecuencia. Iso pasa, necesariamente, pola convocatoria dun referendum sobre a política económica ou, no seu defecto, pola convocatoria de eleccións.

A falta de lexitimidade dunha política que non foi sometida ao refrendo das urnas non se resolve con fórmulas caducas, como un goberno estatal de concentración entre o PP e o PSOE que xa preconizan os profetas da política do posible. O que nos estamos a xogar (o benestar social, a convivencia pacífica dos estados europeos e o encaixe de Galicia no Estado e en Europa) é demasiado importante como para pensar que uns parches poden resolvelo.

A esquerda e o galeguismo, no seu labirinto

Que o PP está só é unha evidencia, como o demostran a votación no Parlamento español do último paquete de recortes, as multitudes que saíron as rúas atendendo ao chamento sindical, a negativa das institucións europeas ás reivindicacións do Goberno español, o peche de mercados fronte á débeda soberana española e as crónicas dunha imprensa internacional convertida unha vez máis no vehículo máis fiable para saber o que pasa e o que vai pasar. Porén, non é menos evidente que, fronte a esa soidade do PP, a sociedade non enxerga outra cousa que un exuberante e desafinado coro de voces que transmite a impresión de ter máis interese en decidir quen ocupa o lugar de solista que en interpretar correctamente o libretto que a cidadanía demanda.

Se isto é así no ámbito da esquerda, afecta aínda con máis intensidade ao galeguismo político, que vive instalado na confusión e na convulsión, cun PSdeG que debe decidir entre seguir a esteira pactista deseñada por Alfredo Pérez Rubalcaba, inmolando as súas posibilidades de liderar un cambio en Galicia, ou consolidar unha liña propia de actuación; e un nacionalismo que tras as escisións sofridas polo BNG non conseguiu reordenar as pezas e que hoxe mesmo fará visible aos ollos de quen queira ver a súa profunda división.

Respectando a pluralidade orgánica, elemento sempre saudable en democracia, as forzas políticas nacionais da esquerda e do progresismo están condenadas a atoparen puntos de encontro

Nunca na historia do Día Nacional de Galicia ou Día da Patria houbera un escenario tan fragmentado. Se cadra é inevitable dados os recentes acontecementos, polo que pode ser un erro deixarse levar polo fatalismo; mais é innegable que, respectando a pluralidade orgánica, elemento sempre saudable en democracia, as forzas políticas nacionais da esquerda e do progresismo están condenadas a atoparen puntos de encontro que permitan articular unha unidade de acción para facer fronte á barbarie social e á sistemática desmontaxe do noso autogoberno.

Da capacidade que mostren as forzas políticas xa instaladas nas institucións (PSdeG, BNG e en menor medida EU) e as que surxiron recentemente (Compromiso por Galicia e Anova) para teceren acordos dependerá en boa medida o futuro a curto e medio prazo da nosa nación. Fai falta unha nova transición, un tránsito cara un modelo social e político que, mantendo os dereitos e liberdades conquistados ao longo de décadas de loitas civís, dea resposta ás demandas sociais superando os defectos da vella política e as insuficiencias da vella arquitectura institucional.

Precisamos combater todas as castes de inmobilismo para conquistarmos un novo marco de pensamento, de acción e de relacións. A partir de mañá, esa debe ser a tarefa. Porque hoxe, laceiras aparte, é día de celebrarmos o noso Día Nacional, o noso Día da Patria. Celebrémolo todas e todos, facendo da diversidade de convocatorias unha soa multitude unida no desexo dunha Galicia máis próspera, máis xusta e máis libre. Como gustaba de despedirse Valentín Paz-Andrade, así tamén o facemos nós: Saúde, Terra e Liberdade!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.