A sentenza do TSXG, punto de inflexión ou de ruptura

  • Editorial

A sentenza emitida este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a respecto dos recursos presentados pola Mesa, Queremos Galego e a CIG contra o Decreto do plurilingüismo supón un duro correctivo para as teses defendidas polo Partido Popular e unha vitoria histórica para os defensores da promoción, defensa e normalización do galego. Falamos de vitoria histórica, porque o é, mais tamén previsible, xa que a xurisprudencia estatal no asunto non deixaba dúbidas, o que resulta nun agravante da actuación impulsada polo PP e posta en práctica pola Xunta de Galicia na lexislatura que agora chega ao seu termo.

A sentenza supón un duro correctivo para as teses do PP e unha vitoria histórica para os defensores do galego

O Partido Popular de Galicia, e nomeadamente o Goberno da Xunta que ese partido detén e sostén, teñen moito o que explicar. E non só en cuestións de política lingüística, pois vale lembrar que o propio TSXG xa declarou a legalidade tanto do concurso eólico decretado polo bipartito como do sistema de acceso aos postos de traballo no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar promovido polo anterior Goberno galego. Ou sexa, os tribunais desmontaron, unha tras outra, as falacias sobre as cales o PP articulou a súa estratexia de retorno ao poder autonómico. E a pesar de que iso non invalida o bo resultado que lle proporcionou tanto en 2009 como nas recentes eleccións celebradas hai pouco máis de un mes, certamente contribúe a cuestionar a lexitimidade social dun goberno que xa saíu abalado pola perda de 130.000 votos e que só recuncou grazas a que a oposición sofreu un desgaste aínda maior.

A sentenza agora ditada polo TSXG anula o cerne mesmo da filosofía lingüística na cal o PP baseou o seu discurso e a súa acción política desde 2007, primeiro na oposición e logo no goberno. É que o ditame do máximo tribunal galego, en consonancia coa xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, nega tanto a liberdade de elección das familias a respecto da lingua vehicular do ensino como a potestade dos estudantes para se expresaren na lingua da súa elección, sen aterse a consideracións pedagóxicas. En definitiva, o que o TSXG ditaminou é a absoluta falta de validez xurídica tanto do discurso da imposición do galego como do seu corolario, a saber: a receita dun ensino à la carte que premeditamente procuraba –e conseguiu– a exclusión da lingua galega do ensino infantil e das áreas científico-técnicas do ensino obrigatorio. De nada serve que a Consellería de Educación intente impoñer lecturas cuantitativas da sentenza, xa que non foi nunca ese o centro do debate.

O TSXG ditamina a absoluta falta de validez xurídica do discurso da imposición do galego e do seu corolario, a receita dun ensino 'à la carte' que procuraba a exclusión do galego

No resto dos puntos recorridos polos demandantes, o TSXG adopta a única posición posible: declara tanto a legalidade das opcións defendidas pola Mesa, Queremos Galego e a CIG como das implantadas polo PP de xeito unilateral no Decreto do plurilingüismo. Por tanto, o feito de que o tribunal non considere ilegais eses preceptos de ningún xeito significa que os endose, senón que polo contrario fai unha recomendación de que a política lingüística no ensino responda a unha discriminación positiva do galego por ser a lingua propia e a que se encontra en inferioridade de condicións, mais non pode declarar a obrigatoriedade de que esa interpretación se traduza nunhas ou noutras porcentaxes e/ou na asignación a determinadas áreas curriculares, xa que non existe norma legal que obrigue a tanto.

En resumo, estamos ante unha sentenza que define as marxes do marco legal actual e indica, sen sombra de dúbidas, que o goberno de Feijoo as ultrapasou. Dentro deses límites, é plenamente legal tanto a implantación dun sistema de inmersión lingüística en galego –coa única condición de que o español tamén sexa considerado lingua vehicular– como a delimitación dun máximo para o ensino na lingua propia. A conclusión non pode ser máis evidente: o marco legal español é insuficiente en termos de defensa das linguas diferentes de español, mais ao tempo posúe potencialidades que estamos lonxe de explotar e que dependen unicamente da vontade social e política, expresada fundamentalmente a través das correspondentes maiorías parlamentarias.

A sentenza do TSXG deixou no ambiente unha xustificada sensación de vitoria, pois veu dar a razón aos milleiros de persoas que reiteramente se manifestaron contra este decreto e contra a política lingüística de Feijoo; á oposición política e social que se opuxo con insólita unanimidade aos plans de degradación do status xurídico do galego; ás institucións culturais, sindicais e educativas que recorreron ao TSXG; e aos informes internacionais que unha e outra vez –a última, hai só uns días– veñen esixindo unha maior promoción do galego no ensino e na Xustiza, de xeito prioritario. Mais ao tempo, tamén deixou unha pregunta pairando no aire: e agora, que?

Calquera consenso debe ser plasmado en normas legais vinculantes

A resposta dependerá fundamentalmente da actitude que tome o PP, como partido maioritario e sostén do Goberno galego. Os primeiros sinais enviados pola Xunta de Galicia indican un enrocamento do cal pouco de novo –e de bo– cabe agardar, mais haberá que ver se é esa a liña que finalmente se impón ou se se abre unha xanela para o diálogo. Unha volta ao consenso que inspirou a Lei de Normalización e o Plan Xeral de Normalización, como veñen reclamando os colectivos en defensa da lingua galega, sería un bo comezo e semella a alternativa máis razoable a curto prazo. Nin a oposición ao PP ten forza suficiente como para impor condicións inasumibles, nin ao PP lle debería interesar manter unha fronte de conflito que divide a súa propia base social e na que perdeu a iniciativa política tras a sentenza do TSXG.

Mais con todo, hai unha lección que non se debe pasar por alto: calquera consenso debe ser plasmado en normas legais vinculantes, pois a experiencia do Plan aprobado por unanimidade no ano 2004 en sede parlamentaria, aínda baixo o goberno Fraga, demostra que o papel terma do que lle boten e que, no final das contas, o decisivo é a vontade política de aplicalo –mesmo que sexa timidamente, como fixo o bipartito– ou de gardalo na gaveta e pasar por riba das súas recomendacións. Porque a outra alternativa é a ruptura de calquera posibilidade de diálogo, co conseguinte aprofundamento nunha perigosa fractura social que case ninguén defende. Xa existe un consenso: o formado polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, os sindicatos do ensino, os movementos de renovación pedagóxica, os partidos da oposición parlamentaria, as plataformas de defensa da lingua... Tócalle ao PP mover ficha, decidindo se se une a ese consenso ou se prefere insistir no seu isolamento.

Tócalle ao PP mover ficha, decidindo se se une ao consenso ou se prefere insistir no isolamento

Manter a consulta aos pais, aínda que a partir de agora sen carácter vinculante, semella unha pésima maneira de comezar a nova etapa que irremediablemente se abre a partir de hoxe mesmo. Lamentablemente, é moi posible que non todo se decida en clave galega: haberá que estar atentos aos resultados das eleccións catalás e aos seus consecuentes desdobramentos, que seguramente incidirán na liña que o PP defina a nivel estatal para o tratamento de todos os asuntos identitarios. Mentres tanto, corresponde á sociedade civil organizada expresar a súa vontade de que esta nova etapa responda a uns principios ben diferentes dos que foron impostos nos últimos anos polo PP e os seus brazos mediáticos e sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.