Man de oposición en luva de xerente

  • Editorial

Alberto Núñez Feijóo vén de ser reelixido presidente da Xunta. A maioría absoluta do PP, ampliada en tres escanos e reducida en case 130.000 votos, foille máis que dabondo ao líder conservador para revalidar a xefatura do Goberno galego tras un debate de investidura ao que acudiu sen a aureola de novidade que o acompañaba en 2009, pero cunha carta de presentación semellante. Se hai tres anos e medio prometeu non gobernar baseándose na "ideoloxía" nin en "antagonismos estériles", desta volta pedíu o apoio da Cámara non para o PP, senón para "Galicia", e apostou por acentuar ao máximo o seu perfil de xestor.

Sobre todo na primeira xornada do debate, protagonizada en exclusiva polo que xa é presidente electo, Feijóo esforzouse en debullar datos e cifras que apoiasen o mantra da "solvencia" das finanzas autonómicas. Obviando cuestións como o incremento da débeda -aumentou un 97% dende 2009 e xa supera os 7.000 millóns- augurou que Galicia se encamiña ao "crecemento" económico, para o cal, promete, habilitará un "fondo" nos Orzamentos de 2013 cuxa dotación económica é descoñecida. Non obstante, o popular asegura que os froitos da recuperación non serán observados ata 2015, se ben durante todo ese período manterá inalterada unha constante, promete: "Galicia paga".

Todo isto expono nun discurso no que "os políticos" figuran en terceira persoa, como unha caste de mal necesario que pon pedras no camiño dun Goberno de puros xestores

Feijóo presenta este cemento para construír o edificio ao seu xuízo ideal: o "déficit cero". O flamante xefe do Executivo galego asegura que Galicia acadará o equilibrio de ingresos e gastos antes ca ninguén e farao, asegura, facendo "máis con menos", como "un pai de familia", garantindo os servizos públicos. Todo isto expono nun discurso no que "os políticos" figuran en terceira persoa, como unha caste de mal necesario que pon pedras no camiño dun Goberno de puros xestores que é alleo, por exemplo, á fin do sistema financeiro galego, que esmorecía mentres se desenvolvía a sesión parlamentaria, ou os duros recortes sociais que abafan ata límites insoportables a un volume cada vez maior de cidadáns e cidadás.

Eses "políticos" fican identificados no discurso presidencial nos representantes dos grupos da oposición, especialmente no BNG e, máis aínda, na debutante AGE, con quen Feijóo deixa caer a luva de xestor para deixar á vista a man -ou puño- de líder da oposición que tan bos resultados lle deu fronte o bipartito. Contra o retornado Xosé Manuel Beiras recupera algunhas das mañas do PP de Manuel Fraga e Jaime Pita, suxerindo que co veterano nacionalista volve á Cámara a falta de "respecto" e mesmo as "ameazas", e deixando caer ademais que unha orixe social acomodada lle permite exercer a política. Co debutante Francisco Jorquera Feijóo aproveita para desdeñar a quen defende o dereito de "autodeterminación", xa que, na súa opinión, xa houbo nove referendos sobre a materia, tantos como eleccións autonómicas.

Semella un intento de atraer o PSdeG ao rego da colaboración co Goberno, deixando para AGE e BNG o papel de oposición 'radical'

Actitude diferente é a que amosa o popular co secretario xeral do PSdeG. Pachi Vázquez optou polo continuísmo na crítica e na proposta nun discurso que, se cadra, transloceu o proceso de reflexión e renovación  que se está pendente no socialismo galego. Tras a súa intervención Feijóo realizou as chanzas de rigor sobre o socialista, pero tamén o convidou a chegar a acordos, no que semella un intento de atraer o PSdeG ao rego da colaboración co goberno, deixando para Alternativa e Bloque o papel de oposición radical.

O xeito en que se artellará a oposición e o maior ou menor entendemento entre os tres grupos que a forman son, precisamente, algunhas das interrogantes que deixa o debate. Polo momento, no hemiciclo amosaron sinais como o intercambio de aplausos entre AGE e BNG ou a aposta do PSdeG por, cando menos inicialmente, manter intacto o discurso de oposición deixando de lado o resultado do 21-O. Tempo haberá para comprobalo. O país agarda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.