0 Gardados para despois

Editorial

Un ano en Praza, contigo

Un ano. Até aquí chegamos e aquí seguimos, no traballo diario de facer un medio de comunicación para o cambio en Galicia. Completamos o noso primeiro ano grazas á vosa confianza e ao voso apoio económico. E Praza seguirá existindo só se vós, lectoras e lectores, seguides considerando que é necesario que Praza exista.

Nós cremos que Galicia necesita máis que nunca que se faga bo xornalismo, rigoroso e valente

Nós cremos que Galicia necesita máis que nunca que se faga bo xornalismo, rigoroso e valente, firme fronte aos abusos e traballando man a man cos movementos sociais. Canto maior sexa o apoio que nos deades, mellor será tamén o noso traballo: a redacción contará con máis xornalistas e colaboracións externas remuneradas.

O vindeiro venres 22 de febreiro a partir das 20:15 no restaurante A Nave de Vidán de Compostela queremos celebrar convosco o I aniversario de Praza Pública: será unha celebración entre amigos e amigas, na cal se ofrecerán bebidas e algúns petiscos. Praza somos todas e todos, de xeito que sentídevos libres de convidar quen consideredes que poida estar interesado en participar; queremos compartir cos doadores, doadoras, lectores, lectoras, colaboradores, colaboradoras e amizades este momento tan especial.

Este venres poremos en marcha unha nova iniciativa: constituiremos o Consello de lectoras e lectores

Previamente, ás 19:15, poremos en marcha unha nova iniciativa: constituiremos o Consello de lectoras e lectores. Queremos que este novo instrumento favoreza unha maior participación dos lectores e lectoras en Praza Pública e así enriquecernos e mellorarmos. Poderán participar neste consello aquelas socias e socios que teñan feito unha achega mínima de 120€ no ano anterior ou teñan comprometida unha cantidade mínima de 10 € mensuais, así como todas aquelas persoas que colaboren doutros xeitos en Praza (publicando contidos: textos xornalísticos, de opinión, blogues...). A participación no Consello de lectoras e lectores é voluntaria e debe facerse por solicitude expresa, ben enviando un correo electrónico a comunidade@praza.com ou ben anotándose na propia reunión de constitución.

Praza é un vehículo en marcha. De vós depende a velocidade e o camiño que siga. Fagámolo xuntas.