O desemprego non se cura con austeridade

  • Editorial

O pasado mes de xaneiro foi o peor de toda a serie histórica en Galicia en termos de destrución de emprego. O paro incrementouse en máis de 13.000 persoas en trinta días e en máis de 25.400 en doce meses. Unhas cifras que distan moito de amosar a recuperación que dá por feita Alberto Núñez Feijóo cando fala de recuperar, a finais deste exercicio, unha taxa de paro do 16%.

O deterioro severo da confianza na economía española, que se evidenciou coa suba da afamada prima de risco, logrou curarse a base de medidas de recorte inauditas no Estado. O sobrecusto que hai que pagar agora para emitir débeda soberana baixou e logrouse contentar aos inversores institucionais. Mais a receta, tan xenérica como neoliberal, non serve para finiquitar o verdadeiro problema do sistema económico estatal e galego: o desemprego.

O Goberno estatal asegura que mantén intacta a idea de pechar este ano cumprindo cos obxectivos de déficit. Isto suporía recortar o déficit en catro puntos e en máis de 50.000 millóns de euros. Un bálsamo para o exterior e un desastre para unha economía deprimida co Estado de Benestar en serio risco de permanencia.

Cómpre saber onde están as prioridades. Se nos informes das veneradas axencias ou no máis de millón e medio de fogares de todo o Estado con todos os seus membros en activo sen traballo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.