0 Gardados para despois

Editorial

Feijoo, na corda bamba

A sociedade galega asiste atónita a un novo e gravísimo episodio de presunta corrupción que afecta directamente a Alberto Núñez Feijoo. A revelación de que o PP de Galicia se financiou de xeito ilegal durante o ano 2006, xa con Feijoo ao mando do partido, supón un salto cualitativo que pon en dúbida a lexitimidade da máxima autoridade do noso país para continuar no exercicio do cargo.

O segundo mandato de Feijoo na Presidencia da Xunta está a ser salferido de constantes escándalos que, en calquera democracia avanzada, farían insustentable a súa posición

E é que o segundo mandato de Feijoo na Presidencia da Xunta está a ser salferido de constantes escándalos que, en calquera democracia avanzada, farían insustentable a súa posición. Primeiro foi a descoberta da súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado, ante a cal Feijoo só acertou a dar explicacións confusas e contraditorias que máis adiante se viu obrigado a rectificar, asumindo que estendera o contacto con Dorado máis alá do que inicialmente recoñecera; hai unhas semanas, a constatación de que mentiu por partida tripla na fusión das caixas de aforro, xa que non había auditoría, os informes non recomendaban a fusión e ademais a estratexia de venda de preferentes era coñecida pola Xunta de Galicia; e por último – até agora – un detallado informe, apoiado en testemuños de dentro do partido, que demostra o financiamento ilegal do PP de Galicia de xeito sistemático e masivo. Cando aínda non transcorreron nin sequera nove meses desde a súa revalidación e ampliación da maioría parlamentaria, a incuestionable lexitimidade dos votos non é xa capaz de abafar o fedor que se espalla sobre a máxima autoridade do país.

Feijoo só ten unha alternativa: ofrecer explicacións satisfactorias no Parlamento de Galicia, demostrando que as novas acusacións son infundadas e, por tanto, recuperando a lexitimidade para si mesmo e, sobre todo, para a institución que preside

Feijoo só ten unha alternativa: ofrecer explicacións satisfactorias no Parlamento de Galicia, demostrando que as novas acusacións son infundadas e, por tanto, recuperando a lexitimidade para si mesmo e, sobre todo, para a institución que preside. Non obstante, a teor dos precedentes nos casos anteriormente mencionados, resulta difícil ser optimistas nese sentido: na súa comparecencia por conta do caso Marcial Dorado, Feijoo non só non deu explicacións convincentes (nin sequera para o seu electorado, como demostraron as enquisas posteriores) senón que optou por atacar a oposición, tentando desviar a atención; e no asunto da fusión das caixas, a revelación do informe de KPMG que desmonta un por un os argumentos ofrecidos por Feijoo para impulsar a fusión non mereceu nin sequera a súa atención, e moito menos unha ida ao Parlamento para dar explicacións.

Se diante deste novo escándalo Feijoo repite a mesma estratexia de non dar explicacións, cabe á oposición parlamentar tomar a iniciativa para ofrecerlle á sociedade galega unha alternativa capaz de evitar o descrédito xeneralizado das nosas institucións nacionais de autogoberno

Se diante deste novo escándalo Feijoo repite a mesma estratexia, cabe á oposición parlamentar tomar a iniciativa para ofrecerlle á sociedade galega unha alternativa capaz de evitar o descrédito xeneralizado das nosas institucións nacionais de autogoberno.

Tres son os eixos que calquera acción de goberno debería ter como prioritarios na actual situación: un ambicioso programa de rexeneración democrática; a defensa do sistema público de benestar social; e a execución dunha política económica capaz de reverter o constante aumento do desemprego, da destrución de tecido empresarial, da emigración e da exclusión social. Tras máis de cinco anos de goberno de Feijoo, semella claro que a dereita política, representada no noso país polo PP, carece de solucións para eses problemas e mesmo os agrava coa súa acción de goberno, que só ten contribuído a empeorar todos os indicadores económicos e sociais até atinxir records negativos históricos. Se a iso lle sumamos a marea de corrupción que afecta ao PP en todo o Estado, con severas implicacións no PPdeG nos anos '90 e – como agora sabemos – tamén en épocas recentes, pódese afirmar que a dereita política ten agravado a crise económica e levado a un nivel insoportable a crise política e institucional.

As forzas de esquerda deben demostrar que teñen alternativas para tomar o relevo e propiciar un novo rumbo tanto no referente á economía como – se cadra de xeito máis premente – á rexeneración democrática

Mais iso non significa, necesariamente, que as forzas de esquerda teñan respostas. Precisamente iso é o que deben demostrar neste momento: que teñen alternativas para tomar o relevo e propiciar un novo rumbo tanto no referente á economía como – se cadra de xeito máis premente – á rexeneración democrática. Non se trata dunha responsabilidade puntual, xa que calquera iniciativa parlamentar está condenada a fracasar en termos numéricos perante a maioría do PP, senón de dar mostras de que existen outro xeito de facer as cousas, outra escala de prioridades e a capacidade para explotar os puntos de encontro suficientes para alicerzar unha alternativa política e de goberno.

O cuestionamento do liderado social e electoral do PP e de Feijoo non afecta só á dereita política, senón que se fai extensivo á esquerda, chamada a tomar o relevo

O cuestionamento do liderado social e electoral do PP e de Feijoo non afecta só á dereita política, senón que se fai extensivo á esquerda, chamada a tomar o relevo. Todos os pasos que non se dean agora serán tempo perdido, e non sempre hai a posibilidade de recuperalo. Se hai vontade de promover un novo rumbo, ningún momento mellor que este para comezar a demostralo.