0 Gardados para despois

Editorial

Punto e seguimos

Hai un ano e oito meses que Praza Pública botaba a andar en Internet. Con ingredientes de reto, de aventura e de convicción, nacía un medio de comunicación que quixo e quere ser comunitario, plural, integrador e sen ánimo de lucro. Para concretalo dotouse dunha redacción, modesta pero profesional, á que lle corresponde o traballo de fiar cada día un xornal que é, principalmente, das súas lectoras e lectores.

Camiño dos dous anos de vida, a redacción do diario e a fundación Praza Pública fixeron, fixemos, un alto no camiño para reflexionar sobre o treito percorrido e, sobre todo, para ollar o horizonte. Foron meses de moito traballo, de centos de novas, de milleiros de fálases que ben dan para botar unha pensada.

Desta reflexión xorden algunhas decisións que se asentan no proxecto fundacional do xornal. Propoñémonos aumentar o pluralismo informativo no país sen máis liñas vermellas que as que nos definen como proxecto comunicativo: a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais dunha Galicia que, de seguro, está a vir.

Decidimos afondar na nosa aposta inicial de nos mergullar na actualidade sen ter un ollo permanentemente no reloxo

Con estas premisas como guieiro decidimos afondar na nosa aposta inicial de nos mergullar na actualidade sen ter un ollo permanentemente no reloxo, primando a reflexión, a análise e o debate sobre a actualidade máis inmediata e a calidade sobre a cantidade. Partindo desta base, de agora en diante as nosas informacións serán, algúns días, menos en número pero máis en profundidade e perspectiva. As reportaxes longas, as crónicas pausadas ou as entrevistas en profundidade serán o centro do noso traballo.

A activación do noso consello de redacción ou a extensión da actividade da fundación son outras das novidades dunha nova xeira que trae consigo mudanzas na organización do traballo

A activación do noso consello de redacción ou a extensión da actividade da fundación son outras das novidades dunha nova xeira que tamén trae consigo mudanzas na distribución e organización do traballo xornalístico. Así, Marcos Pérez Pena ampliará a súa dedicación á elaboración de pezas informativas e á selección e coordinación das colaboracións e opinións nun equipo no que Miguel Pardo abordará con máis especificidade as súas áreas temáticas e David Lombao asumirá o labor da dirección.

Este equipo de redacción e mais os colaboradores e colaboradoras seguirán a ser o piar dun xornal que tamén quere amosar unha faciana diferente nas fins de semana, cunha reformulación do noso suplemento. Dentro de moi pouquiño contarémosvos máis polo miúdo todo o que temos no maxín para tentar, entre todos e todas, que esta Praza vaia sendo cada día un chisco máis grande e máis vosa; e o xornalismo que se realiza nela, máis e mellor. Seguimos!