Aquí non pasou nada

  • Editorial

Nos últimos días de 2003, unha semana despois de que Manuel Fraga reestruturase o seu Goberno tras a defenestración de Xosé Cuiña, dándolle entrada a Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial, José María Aznar dábase un baño de masas en Santiago nun blindado palacio de congresos. Os conservadores citáranse baixo o lema Galicia máis que nunca, nun intento de contrarrestar o movemento cidadán que un mes antes xa anegara de indignación as rúas de Compostela ao berro de “Nunca Máis”.

Unha década e un ano despois de que aquela ferralla flotante chamada Prestige vomitase o seu fuel de ínfima calidade fronte ás costas galegas, previo dramático paseo polo medio do temporal, a Xustiza ditou sentenza. O tribunal dille ao pobo galego que non se produciu delito ecolóxico, nin tan sequera houbo ningunha decisión imprudente ou errónea por parte das autoridades disque competentes. Se hai algo reprochable é a “desobediencia grave” do capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras. E nada máis.

A “confusa negación de toda responsabilidade” protagonizada por Arsenio Fernández de Mesa, antes delegado do Goberno central e agora director xeral da Guardia Civil, ou os “hilitos de plastilina en estiramiento vertical” de Mariano Rajoy, antes ministro e agora presidente, foron a plasmación en titulares dunha xestión con “neglixencias”, pero “profesional e correcta” dun accidente que tornou catástrofe, pero cunhas causas que “ninguen sabe con exactitude” cales puideron ser, di o ditame.

As 157 páxinas redactadas polo tribunal veñen dar por boa a inefable afirmación de Ana Botella, segundo a cal “na catástrofe do Prestige só hai un culpable: o barco” e fan ficar con cara de parva á cidadanía que, chea de carraxe, deixou a gorxa nas rúas e as mans nas rochas

É de supoñer que as empresas armadoras que navegan fronte ás costas galegas e, ao tempo, polo gume da legalidade, acolleron este ditame con, cando menos, o mesmo entusiasmo que o PP de Galicia cuxa voceira, Paula Prado, dá por sentado que todo o feito polo seu partido naquela altura foi “axeitado” . As críticas e as mareas humanas que seguiron á negada marea negra clamando pola "dignidade", simple “manipulación” de quen quería facer “carreira” política, proclama.

As 157 páxinas redactadas polo tribunal veñen dar por boa a inefable e traxicómica afirmación de Ana Botella, segundo a cal “na catástrofe do Prestige só hai un culpable: o barco” e fan ficar con cara de parva á cidadanía que, chea de carraxe, deixou a gorxa nas rúas e as mans nas rochas, tinguidas de chapapote por un acto sen consecuencias, que saíu practicamente de balde. Aquí non pasou nada e se pasou, non foi culpa de ninguén, moito menos duns responsables políticos aos que a catástrofe apenas lles pasou factura mentres publicitaban o virtual Plan Galicia. Máis que nunca, Nunca Máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.