0 Gardados para despois

Editorial

Unha lei machista contra a vida das mulleres

O Goberno central gábase de cumprir “un compromiso electoral”. Non é o de “tocalo todo agás a sanidade ou a educación” . Tampouco o de non subir o IVE ou preservar as bolsas de estudo. O Goberno que preside Mariano Rajoy encomendoulle ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, gardar na gaveta a súa faciana presuntamente moderada e amosar a real para desenvolver o treito do programa electoral no que os conservadores se comprometían a “cambiar o modelo da actual regulación sobre o aborto para reforzar a protección do dereito á vida, así como das menores”.

A concreción desta promesa chegou este venres baixo a eufemística denominación de Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada, unha norma que, dende o nome, despoxa as mulleres do dereito a decidir sobre o seu propio corpo, sobre a súa vida, que vale menos que a do "nasciturus". “Non hai cidadáns de primeira e de segunda”, proclama Ruiz-Gallardón mentres asina unha lei que determina que a decisión da maternidade non é da muller, senón dun Goberno que decide achegar a súa xestión en materia de igualdade aos tempos nos que o Estado español se declaraba, orgulloso, reserva espiritual de Occidente.

A lei despoxa as mulleres, desde o nome, do dereito a decidir sobre o seu corpo, sobre a súa vida

O gabinete Rajoy trata as mulleres como unha caste de eternas menores de idade ás que se orienta polo camiño dunha rancias ideoloxías e moralidade oficiais nas que a única liberdade posible é dar á luz, aínda que sexa un feto cunha grave malformación do que o propio Estado se desentenderá, vía recorte da Lei de Dependencia, no momento  en que abandone o útero. O PP di responder así a unha presunta demanda social, idéntico argumento no que se apoiou, por exemplo, para desprotexer a lingua galega, e agóchase tras os berros de grupúsculos radicais, aos que nin sequera apoian todas as persoas que profesan a fe católica, para afastar o Estado dos países máis avanzados en materia de dereitos sociais e achegalo un chisco máis ao seu pasado máis escuro.

En Galicia esta contrarreforma é o complemento perfecto a leis impulsadas en solitario polo propio PP que deitaron no balde do lixo un modelo afectivo-sexual baseado na información e a liberdade

En Galicia esta contrarreforma é o complemento perfecto a leis impulsadas en solitario polo propio PP que deitaron no balde do lixo un modelo afectivo-sexual baseado na información e a liberdade para abrirlle de par en par a porta dos fondos públicos á organizacións antiabortistas como a Red Madre. Unhas e outras forman unha terrible combinación que destila misoxinia e paternalismo e ante a que a obriga moral de situarse ao carón da loita feminista cobra, se cabe, aínda máis importancia. Porque esa loita oponse ao machismo que inspira esta norma, o mesmo que mata centos de mulleres cada ano.