0 Gardados para despois

Editorial

Medo á democracia

A sucesión de Juan Carlos de Borbón polo seu fillo Felipe está a mostrar en toda a súa clareza –e crueza– os límites do pacto de reforma política que culminou na aprobación da Constitución Española de 1978. A despeito da opinión xeneralizada sobre a obsolescencia dun modelo que supuxo importantes avanzos pero que xa hai tempo dá síntomas inequívocos de estar esgotado e necesitado dun novo impulso que profundice na democratización e na redefinición territorial, as principais institucións do Estado español seguen o roteiro escrito hai case catro décadas como se nada tivese mudado. Así, este xoves os altos poderes do Estado español convocan unha gran festa en Madrid, blindada por hiperbólico dispositivo policial, para celebrar a proclamación de Felipe de Borbón como Xefe do Estado. No mesmo día, só unhas horas despois –por aquilo de que a cidadanía de sangue vermello ten obrigacións laborais, estudantís, familiares e de todo tipo–, en ducias de cidades españolas celebraranse concentracións a prol do dereito a decidir a forma de Estado, evidenciando que daquel consenso presuntamente exemplar do cal se nos falou durante tanto tempo só fican xa os retallos.

Nun territorio no que calquera cambio político ou xurídico se presenta como un complicadísimo trámite, abondan apenas quince días para –cunha velocidade semellante á da reforma que en 2011 puxo a Constitución ao servizo da débeda– sentar no trono quen se nos presenta como “preparado” para o cargo pero cuxo único mérito a ter en conta para a alta misión que desempeñará é ser fillo do seu pai, a quen pola súa vez o ditador fascista Francisco Franco lle traspasara o báculo de mando en forma de coroa.

Reducir a cidadanía a un papel de espectador mediático e de súbdito político non semella a mellor receita para rexenerar a situación, por máis que o novo monarca in pectore proclame eses bos desexos.

Cabe preguntarse que sentido ten que o xefe dun Estado que se di democrático acceda ao cargo sen contar coa opinión da cidadanía máis alá do ineludible trámite parlamentario, por certo realizado de xeito moi conveniente tras as primeiras eleccións –as europeas do pasado día 25 de maio– que mostraron a vulnerabilidade do bipartidismo no que se apoia o réxime e durante a última lexislatura na cal previsiblemente haxa maiorías absolutas a nivel estatal en moito tempo, polo menos no que tarde en estabilizarse o novo mapa de partidos agora sometido a fortes convulsións. Reducir a cidadanía a un papel de espectador mediático e de súbdito político non semella a mellor receita para rexenerar a situación, por máis que o novo monarca in pectore proclame eses bos desexos.

O pack constitucional votado en 1978 –a Monarquía vendíase conxunta e inseparablemente co resto do lote, baixo a tutela militar e co pano de fondo do temor a unha nova guerra civil– preséntase como aval ad vitam aeternam da institución monárquica e de todo o que implica. Porén, nunha sociedade madura como a española, na que tantas cousas evolucionaron desde aquela, non é aceptable o discurso do Goberno de España apelando constantemente á “normalidade” nunha tentativa de revestir de modernidade o que é vetusto e de democrático o que non se vota. Votar, precisamente, é a normalidade en calquera Estado democrático. Votar é, nin máis nin menos, o que reclama a cidadanía diversa e plural que saíu á rúa polo dereito a decidir e pola república ou polas repúblicas. Votar, segundo os inquéritos máis recentes, é o que prefire a maioría da poboación, mesmo boa parte da que quere seguir tendo rei.

Resulta dificilmente xustificable someter a cidadanía a unha operación de propaganda masiva e de negación do debate democrático co único obxectivo de xustificar a permanencia dunha atribulada pero millonaria familia por riba de todas as demais

Resulta dificilmente xustificable someter a cidadanía a unha operación de propaganda masiva e de negación do debate democrático sobre o modo en que deben organizarse as institucións que a gobernan co único obxectivo de xustificar a permanencia dunha atribulada pero millonaria familia por riba de todas as demais, co único argumento do sangue que lle corre polas veas ao seu fillo varón. E resulta máis inxustificable aínda nun contexto como o actual, de profunda crise económica, de cambios estruturais no sistema de partidos e de casos xeneralizados de corrupción, cando as prioridades sociais na resolución deses desafíos non semella que vaian ser satisfeitas pola presunta simpatía nin mesmo pola proverbial campechanía que se atribúe aos Borbóns.

O propio traspaso da Coroa dá claros sinais da hierarquía institucional do Estado español e da súa falta de sintonía cos valores democráticos: realízase primeiro no ámbito familiar, despois é refrendado polo exército e só en última instancia polo Parlamento, baixo presenza dos altos mandos militares e cos máximos representantes das dúas cámaras lexislativas recibindo e rendendo honras a quen aínda non foi investido polos representantes da vontade popular. Se esa é a mellor democracia que as elites que dominan o entramado institucional do Estado español poden ofrecer, non é de estrañar que crezan a desafección e as pulsións rupturistas, sexa no plano social sexa no territorial.

A negativa a atender a vontade das persoas e dos pobos destilan medo ao que queiran, libremente, decidir. Medo, en síntese, á democracia.