0 Gardados para despois

Editorial

Unha vitoria que non desactiva a alerta feminista

Vitoria popular, feminina e feminista. O presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, renunciou este martes a culminar a contrarreforma da lei do aborto que lle encomendara ao xa ex ministro Alberto Ruiz-Gallardón, eterno sucesor no PP, antigo discípulo predilecto de Manuel Fraga e fillo de José María Ruiz Gallardón, quen como deputado asinou o recurso de Alianza Popular contra a lei do aborto de 1985.

O proxecto que ía derrogar a lei vixente, aprobada en 2010 por unha ampla maioría parlamentaria, foi activado polo PP en Consello de Ministros -non, obviamente, por Ruiz Gallardón na intimidade do seu fogar- a poucos meses das eleccións europeas, convocatoria electoral na que os conservadores temían unha marcha do sector máis dereitista do seu electorado cara a formacións máis radicais, caso de VOX. Os populares concretaban así a vaga promesa electoral de “reforzar a protección do dereito a vida” a costa da vida das mulleres, moitas das cales comezaron a mobilizarse de inmediato mentres, en Galicia, o PPdeG aplaudía o movemento e Alberto Núñez Feijóo se mantiña nunha calculada ambigüidade.

Foron as mulleres e non a graciosa vontade do PP as que frearon a involución

Os rexistros de corpos ante o Rexistro da Propiedade, as reclamacións ante o Valedor do Pobo, as masivas manifestacións ou o simbólico Tren da Liberdade foron exemplares mobilizacións que, convocadas e lideradas polo movemento feminista, xeraron unha marea alegre e combativa secundada pola parte máis activa e consciente da sociedade que conseguiu frear a contrarreforma. Foron as mulleres e non a graciosa vontade do PP as que frearon a involución e a quen lles corresponden agora, como noutrora, os parabéns pola vitoria na defensa dos seus dereitos, dos dereitos humanos.

O fracaso da contrarreforma non debe ser sinónimo dunha baixada da garda, o recurso do PP contra a lei vixente segue vivo nun TC de maioría conservadora

Así e todo, o fracaso da machista contrarreforma non debe ser sinónimo dunha baixada da garda e, moito menos, dunha desactivación da alerta, tal e como subliña a Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto e outros colectivos feministas. O recurso do propio PP contra a lei vixente segue vivo nun Tribunal Constitucional de maioría conservadora que podería servirlle en bandexa aos de Rajoy a escusa perfecta para un recorte de dereitos que, por outra banda, agora prevén executar a menor escala e centrándose nas mulleres de entre 16 e 18 anos que teñan que abortar. A contrarreforma, ao cabo, non era a Lei Gallardón, senón a Lei Rajoy e, en última instancia, a Lei PP.