Tarefas urxentes fronte ao PP reforzado

  • Editorial

A campaña electoral galega comezou cun inquérito do Centro de Investigacións Sociolóxicas que situaba o PP en condicións de manter intacta a súa maioría absoluta e auguraba, para as forzas da esquerda, pouco máis que unha redistribución de votos e escanos. Aquel estudo errou con En Marea, PSdeG e BNG, pero atinou no esencial. Catro anos e moitos avatares políticos e sociais despois, a erosión do Goberno de Alberto Núñez Feijóo era practicamente inexistente. A mestura de méritos propios e deméritos alleos foi un excelente combustible para a poderosísima máquina electoral conservadora que, a pleno rendemento dende as eleccións xerais de xuño, vén de lograr un incontestable triunfo. Mantén a representación parlamentaria e, ao contrario do sucedido en 2012, incrementa tamén apoio cidadán mentres mantén no espazo do refugallo electoral a Ciudadanos, partido que non pasou de extraterrestre en toda campaña.

Mentres dende a Xunta aproveitaban os leves incrementos orzamentarios para suturar con asignacións de fondos públicos diversos conflitos latentes, o PP desenvolveu unha moi eficaz campaña. Coas devaluadas siglas en segundo plano, a retórica foi presidencialista ata o extremo, case monárquica. Fronte a quen din ensaiar a estratexia do partido-movemento, o PPdeG exerceu de tal. Activou a súa ampla estrutura territorial ata o último capilar, mobilizou todos e cada un dos seus resortes de poder político e social -co baltarismo en lugar preponderante- e envolveu o mecanismo na bandeira de Galicia cunha retórica que o mesmo PP do mesmo Feijóo non tería problema en cualificar hai moi poucos anos de nacionalista, separatista, impositora ou antiespañola. Cabe preguntarse se unha vez revalidado o poder existe máis axenda. Se tras a reelección o presidente marcará retos de futuro concretos ou se, como cabe deducir do seu programa, en San Caetano preponderará o continuísmo a maior gloria da maioría absoluta excepcional.

A mestura de méritos propios e deméritos alleos foi un excelente combustible para a poderosísima maquinaria electoral conservadora na súa incontestable vitoria

Fronte ao partido do poder quedan, recolocados, os tres espazos políticos que tiveron encomendado o labor de oposición durante os últimos catro anos. Nun dos segundos postos máis febles en termos de votos e escanos na historia da autonomía fica ubicada En Marea, unha formación nova como tal que competía, sobre todo, contra a súas propias expectativas e co lastre do errático labor parlamentario de AGE, á que supera en 5 escanos. Tras un accidentado, turbulento e apresurado proceso de articulación interna e formación de candidaturas, o partido instrumental lanzou o seu candidato, Luís Villares, sen apenas tempo material de adaptación a unha campaña que semellou, por ritmo, intensidade e propostas, comezar cando xa tocaba finalizala. Os 270.000 votos, uns 70.000 máis que AGE pero algo menos do 20%, son un serio aviso non só para quen concorreron a estas eleccións parlamentarias, senón tamén -e, se cadra, sobre todo-, para quen ata agora son os seus principais referentes: os gobernos das mareas municipais.

A consolidación do liderado de Villares, o artellamento real como partido e a, a priori, complexa cohesión interna do novo grupo parlamentario preséntanse como principais retos e incógnitas que convivirán, na distancia xeográfica pero na proximidade política, coas nada desdeñables tensións no seo de Podemos. As primeiras reaccións na dirección de Pablo Iglesias ao escrutinio galego, encadradas unicamente na dinámica do bloqueo da investidura estatal, non convidan a pensar que o partido morado vaia contribuír á serenidade e asentamento do seu espazo de referencia en Galicia.

Cos mesmos escanos e uns poucos votos menos queda o PSdeG, que remata dúas lexislaturas á fronte da oposición moitísimo máis desgastado que o propio goberno -polo camiño quedan, dende 2009, 11 escanos e 14 puntos nas votacións-. Xoaquín Fernández Leiceaga, vencedor das primarias derivadas da traumática dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, enfrontou case en solitario unha campaña electoral na que as ansias intestinas de poder e vinganza -léanse os índices de participación e resultados en comarcas pachistas ou na contorna de Vigo, por exemplo- ocuparon, de facto, máis preocupacións e páxinas que a construción dunha alternativa a Feijóo. O partido remata o proceso do 25S nun escenario bélico, fortemente contaminado polas tensións na dirección federal do PSOE e coa obriga de abordar un proceso congresual de ingredientes e resultado incerto.

Dende unha autocrítica urxente, imprescindible, a En Marea, PSdeG e BNG correspóndelles facer oposición seria e propositiva, que fiscalice o Goberno con máis rigor que pirotecnia e que permita, ao contrario do sucedido no período que vén de rematar, que a cidadanía que desexa unha mudanza en clave progresista poida sentir, dende o minuto cero, que hai alguén aí

Entre restos aínda fumegantes polo paso da apisonadora do PP -que disque xa non é "un partido", senón simplemente "Galicia"- apenas hai unha casa na esquerda política galega na que se albiscan sorrisos. Son os que mativo durante a campaña electoral o equipo do BNG coa súa candidata, Ana Pontón, á cabeza. Os actos electorais do Bloque transloceron un optimismo inédito na formación, cando menos, no que vai de década. Tras unha xeira de durísimos paus electorais, o mantemento de 6 escanos nun dos contextos máis adversos da súa historia permítelle ao BNG recuperar folgos e argumentos para seguir adiante mantendo á fronte novos rostros e xeitos de facer. Despois de gañarlle ás enquisas e ás expectativas propias e alleas a organización nacionalista ten diante de si o traballo artesanal de procurar remontar o voo sen perder de vista o chan do que vén de se erguer e as causas que o fixeron caer ata el.

Alén de cadansúas tarefas internas, a banda esquerda do Parlamento da décima lexislatura autonómica ten diante de si un traballo moito máis relevante. Dende unha autocrítica urxente, imprescindible, a En Marea, PSdeG e BNG correspóndelles a obriga de facer un traballo de oposición serio e propositivo, que fiscalice o Goberno con moito máis rigor que pirotecnia e que permita, ao contrario do sucedido no período que vén de rematar, que a cidadanía que desexa unha mudanza en clave progresista poida sentir, dende o minuto cero, que hai alguén aí.

O devaluado autogoberno, a lingua desprotexida, os recortes sociais que veñen, a atención aos maiores e a creación de condicións reais -alén caixas finlandesas- para traballar, vivir, criar e coidar no país... Son moitas e importantísimas as áreas nas que construír alternativas de ben común a pé de rúa e de Parlamento mentres, coa mesma intensidade, se marca de cerca a un PP ao que, dende o fracaso municipal de 2015, se lle permitiu recompoñerse e compoñer, apoiado nos poderosos mecanismos institucionais e económicos, un relato que esmagou nas urnas.

Para abordar un traballo de tal complexidade as forzas da esquerda deberán tecer rede, estar onde está a xente á que representan e á que aspiran representar. E seren conscientes, xunto á súa base social, de que as súas mensaxes precisan caixas de resonancia -de tipos diversos, tamén mediáticas- próximas e abertas, pero non acríticas, cunha óptica progresista do país e do mundo. Para que, alén de graciosas concesións temporais, circunstanciais e nada inocentes dos grandes e antigos grupos de poder, presión e cartos, dean espallado e asentado unha visión alternativa á Galicia que, segundo o partido vitorioso, non precisa máis representación que a que colle nun cartel de Feijóo, isto é, do PP. A tarefa é urxente e enorme e por iso a ilusión e a capacidade de traballo a investir nela tamén deben selo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.