0 Gardados para despois

Editorial

Moción de hixiene

O Congreso dos Deputados debate estes 31 de maio e 1 de xuño unha moción de censura contra o Goberno de España que preside Mariano Rajoy, formulada polo PSOE un ano e medio despois de que a abstención deste mesmo partido permitise, previo derrubamento de Pedro Sánchez, seguir no poder tras non lograr sumar votos pola dereita. O candidato da moción non é outro que o propio Sánchez, o mesmo que tentara sen éxito ser presidente a comezos de 2016 coa fórmula de conciliar votos de esquerda e dereita, dos nacionalistas españois de Ciudadanos e mais de forzas soberanistas vascas e catalás, ademais dos de Podemos e as súas confluencias.

O escenario desta moción de censura non é, nin de lonxe, o da investidura fallida de Sánchez nin o do segundo nomeamento exitoso de Rajoy. Aínda que os casos de corrupción estrutural do Partido Popular non son novos e algúns dos elementos claves -como o financiamento irregular a través da célebre 'caixa B'- xa foran "abrumadoramente" acreditados pola Xustiza, a sentenza da Audiencia Nacional ten un aquel de bomba nuclear. As súas máis de 1.500 páxinas describen un entramado corrupto instalado no miolo da formación conservadora dende a súa propia fundación, isto é, dende que Manuel Fraga culminou de vez a fusión da práctica totalidade da dereita española tras o naufraxio da UCD.

O asunto central do debate é de pura e simple hixiene democrática; de empregar mecanismos perfectamente legais para deixar sen o control da cousa pública a un partido que se demostrou incapaz de facer punto e aparte a respecto das prácticas corruptas do fraguismo e do aznarismo que, segundo o tribunal da Gürtel, lle permitiron pervertir o xogo democrático

A cuestión central a debate nestes dous días non é, por desgraza, un programa de Goberno ao uso. Non se trata de determinar, por exemplo, se o PSOE de Sánchez sería ou non quen de acometer a necesaria reforma fiscal do Estado, se tería a valentía de abordar problemas capitais como o da vivenda ou o valor político de constatar pola vía dos feitos que en Catalunya existe un poderoso movemento a prol da autodeterminación que só pode ter saída pola vía da política democrática. O debate tampouco neste preciso instante, desafortunadamente, de se un eventual presidente Sánchez dará ordes de desbloquear asuntos relevantes para Galicia que o PP torpedeou, dende a transferencia de competencias sobre a AP-9 á prórroga de ENCE, por citar só dous exemplos.

O asunto primeiro e central do debate é de pura e simple hixiene democrática. De empregar mecanismos perfectamente legais para deixar sen o control da cousa pública a un partido que se demostrou incapaz de facer punto e aparte a respecto das prácticas corruptas do fraguismo e do aznarismo que, segundo o tribunal da Gürtel, lle permitiron pervertir o xogo democrático. Porque, alén do presunto enriquecemento persoal de moitos dos seus membros, constituíron unha ilexítima dopaxe para a súa concorrencia aos procesos electorais. Xogaban, ao cabo, coas cartas marcadas.

A empresa que ten diante de si o candidato Sánchez non é, nin moito menos, doada. Ten que xuntar forzas dispares para tecer unha maioría de Goberno de duración moi incerta e con complexísima marxe de manobra. Ten, ao cabo, que facer política. Os apoios dependerán da seriedade e credibilidade deste empeño, como vén resaltando o PNV, forza clave na votación. Sería unha fraude pretender obter eses apoios apenas para desaloxar ao PP e facer campaña electoral desde a Moncloa, sen un programa claro de goberno polo que resta de lexislatura: a correlación de debilidades desta Lexislatura nas Cortes Xerais non permitiría aguantar moito.