Feijoo, obrigado a contar a verdade sobre Pemex

  • Editorial

Tras o anuncio oficial da dirección de Pemex, difundido en primicia onte á noite por este xornal, a respecto da inexistencia de calquera adxudicación aos estaleiros galegos, Feijoo está obrigado a dar explicacións ao conxunto da sociedade galega e especificamente ao sector naval.

Se damos por boa a versión de Pemex, Feijoo faltou á verdade nos dous aspectos principais deste asunto: ao anunciar unhas adxudicacións agora desmentidas polo suposto contratante; e ao afirmar que non daría a coñecer publicamente os contratos debido a unha cláusula de confidencialidade

Se damos por boas as exhaustivas e contundentes explicacións ofrecidas onte pola cúpula de Pemex, Feijoo faltou á verdade nos dous aspectos principais deste asunto. En primeiro lugar, ao anunciar unhas adxudicacións que, nas súas palabras, garantían carga de traballo para Barreiras e Navantia, versión desmentida palmariamente no día de onte polo suposto contratante; e en segundo, porque Feijoo tamén afirmou que non daría aos contratos a publicidade que lle esixían os partidos da oposición e os sindicatos do ramo debido á existencia dunha cláusula de confidencialidade, cando todo semella indicar que tal falta de transparencia se debeu a un interese partidario en manter o ocultamento da realidade en pleno período pre-electoral.

A versión de Pemex é clara: os contratos asinados por PMI, filial de Pemex, só garanten que os estaleiros galegos poderán participar na poxa na cal se decidirá a adxudicación, á cal tamén optan empresas norueguesas e surcoreanas; e a decisión final nese asunto será dirimida pola matriz de Pemex, a través dun concurso con outros competidores e priorizando as mellores ofertas. Non hai, por tanto, ningunha garantía de que tales contratos cheguen a ser concedidos a Barreras e Navantia –como tampouco existe a menor información sobre posibles contrapartidas esixidas polo Goberno mexicano, no caso de que os estaleiros galegos sexan finalmente os beneficiarios da adxudicación.

De feito, as posibilidades de que os estaleiros galegos consigan os contratos decreceu notablemente nas últimas horas, despois de que o PRI –partido que asumirá o poder o vindeiro 1 de decembro– fixese do prezo previsto e da concesión a empresas estranxeiras cabalos de batalla, até o punto de ameazar cunha investigación no Senado mexicano que obrigou os máximos directivos de Pemex a ofrecer a conferencia de imprensa na que deixaron en cueiros a campaña propagandística de Feijoo neste asunto.

Caben tres alternativas: unha é que Feijoo consiga demostrar que Pemex non está no certo; outra, que recoñeza que no mínimo se excedeu na dose de entusiasmo e de optimismo; e unha última, que viría ser tomar o camiño do medio, asumir que cometeu un erro de interpretación

Postas así as cousas, Feijoo só ten unha saída digna, e non é outra que mostrar os contratos asinados con PMI para disipar as incertezas que neste momento aflixen os traballadores do naval galego, sector ao que se lle garantiu un balón de osíxeno que tería efectos paliativos e que agora ve como nin sequera ese mínimo alivio é seguro. A partir de aí, caben tres alternativas: unha é que Feijoo consiga demostrar que Pemex non está no certo e que a adxudicación dos floteis aos estaleiros galegos xa é definitiva e vinculante; outra, que recoñeza que non existen garantías e que no mínimo se excedeu na dose de entusiasmo e de optimismo ao transmitir á sociedade galega a realidade; e unha última, que viría ser tomar o camiño do medio, asumindo que cometeu un erro de interpretación e que fará todo o posible por concretar os pedidos no prazo máis breve posible.

Despois de toda a pompa e circunstancia con que na semana pasada se adornou para publicar aos catro ventos a boa nova do seu triunfo, a Feijoo non lle acode o dereito ao silencio

Se consegue o primeiro, Feijoo sairá reforzado e será Pemex quen teña que ofrecer explicacións adicionais. Mais en caso contrario, ao Presidente galego só lle resta escoller entre o menor de dous males: a asunción da mentira ou a da incompetencia. Despois de toda a pompa e circunstancia con que na semana pasada se adornou para publicar aos catro ventos a boa nova do seu triunfo, só non lle acode o dereito ao silencio. É o momento de render contas, e a sociedade galega deberá tomar boa nota da xestión deste problema por parte de Feijoo, de cara ás inminentes eleccións do 21-O.

Desde Praza Pública seguiremos con atención o curso dos acontecementos para pasar a limpo o estado da cuestión. E, de se demostrar a responsabilidade do Presidente da Xunta de Galicia e do seu goberno, non dubidaremos en esixir a única actitude que cabe perante actuacións tan graves; do mesmo xeito que contará co noso aplauso se consegue demostrar que a versión trasladada á sociedade galega é a correcta e que o erro está do outro lado do Atlántico. Polo de agora aínda non o fixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.