Derrotas para os equipos galegos no play-off de ascenso á Segunda B. O Pontevedra caeu ante o Mensajero (1-0) e o Depor B perdeu en Durango (2-1). A vindeira fin de semana xogarase o partido de volta. Esta tarde enfróntase o Cerceda ante o Logroñés e o Choco ante o Extremadura.
Fálase
Nas cidades galegas, a participación só medra na Coruña (31,24% fronte ao 30,43% de 2011). Pola contra, descende lixeiramente en Compostela, Ferrol e Vigo. E con máis forza en Pontevedra, Ourense e Lugo.
A participación descende máis dun punto en Galicia ao mediodía. As 14 horas votara o 33,24%, fronte ao 34,89% de 2011. A caída é maior nas provincias de Lugo e Ourense. Por comunidades, a afluencia ás urnas só crece en Catalunya, Madrid, Euskadi e Navarra
Polo demais, escasos incidentes na xornada electoral en Galicia. En Monforte unha muller foi detida por negarse a presidir unha mesa electoral, alegando que lle pagaban moi pouco. De igual xeito, en Cambre un home foi detido por tentar votar dúas veces, primeiro co seu DNI e despois co dun amigo que agardaba por el no exterior.
Novas acusacións de carretaxe. Ademais do xa sinalado caso de Pontedeume, denuniáronse algúns episodios na provincia de Ourense, por exemplo no Carballiño, onde o PSdeG-PSOE acusou o PP de repartir propaganda en plena xornada electoral, ou en Nogueira de Ramuín e en Rairo, onde os socialistas sinalan que militantes populares acompañaron anciáns a votar. Tamén se sinalan dous casos máis de carretaxe na cidade de Lugo.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou a "carretaxe" de votos nas eleccións municipais, unha práctica "que nos denigra a todos", en referencia ao caso de Pontedeume, sinalado pola súa formación.
A Coruña celebrou a permanencia do Deportivo, nunha noite de moito sufrimento que, ao final tivo a súa recompensa, como recolle esta reportaxe de La Opinión.
Comeza a xornada electoral en Galicia, de momento sen incidencias. Dende as nove da mañá están abertos os colexios e as urnas. A partir das oito da tarde coñeceremos o reparto de forzas nos Concellos para os vindeiros catro anos.
O Dépor mantén a categoría, con moito sufrimento, grazas ao empate acadado ante o Barça (2-2). Os branquiazuis chegaron a ter moi difícil a salvación, pola vitoria do Eibar e perdendo 2-0 en Barcelona. Porén, os goles de Lucas (67') Salomão (76') valen un ano máis en Primeira.
O Rácing de Ferrol ponse con vantaxe na primeira eliminatoria do playoff de ascenso a Segunda División. O equipo verde derrotou o Reus (1-0), con gol de Nano. O domingo que vén xogarase o partido de volta.