A esquerda podería gobernar en Ferrol. Rey Varela perde a maioría absoluta co 74,5% escrutado. Ferrol en Común podería liderar o goberno da cidade departamental.
Fálase
Empate técnico entre Compostela Aberta e o PP en Santiago co 43% escrutado. A plataforma cidadá podería gobernar a capital galega.
A Marea Atlántica sería a forza máis votada na Coruña con máis do 68% do voto escrutado. Obtería 10 concelleiros e superaría o PP, que perdería 4 concelleiros. O PSdeG conseguiría 6 e o BNG, 1.
O Breogán gaña ao COB e empata a eliminatoria de ascenso á ACB (1-1). Venceu 68-77 e a serie viaxa agora a Lugo, onde o equipo celeste podería sentenciar o ascenso de gañar os dous encontros. O Obradoiro despediu a tempada cunha derrota ante o Baskonia.
O PP perdería a maioría absoluta na Coruña segundo unha enquisa de Sondaxe para V Televisión. Quedaría con 11 concelleiros, fronte aos 8 da Marea Atlántica, os 5 do PSdeG e os 2 do BNG. En Lugo, serían 11 concelleiros para o PP, 10 para o PSOE, 2 para Lugonovo, 1 ao BNG e 1 a Ciudadanos. En Ferrol, o PP obtería a maioría absoluta.
Manuel Antelo, candidato do BNG á alcaldía de Vimianzo e actual rexedor da localidade, denuncia o "carrexo" de "xente vulnerable socialmente" por parte de Independentes por Vimianzo (IxV). Antelo deixou constancia do feito ante a Garda Civil e cualificou de "vergonza" o sucedido.
Derrotas para os equipos galegos no play-off de ascenso á Segunda B. O Pontevedra caeu ante o Mensajero (1-0) e o Depor B perdeu en Durango (2-1). A vindeira fin de semana xogarase o partido de volta. Esta tarde enfróntase o Cerceda ante o Logroñés e o Choco ante o Extremadura.
Nas cidades galegas, a participación só medra na Coruña (31,24% fronte ao 30,43% de 2011). Pola contra, descende lixeiramente en Compostela, Ferrol e Vigo. E con máis forza en Pontevedra, Ourense e Lugo.
A participación descende máis dun punto en Galicia ao mediodía. As 14 horas votara o 33,24%, fronte ao 34,89% de 2011. A caída é maior nas provincias de Lugo e Ourense. Por comunidades, a afluencia ás urnas só crece en Catalunya, Madrid, Euskadi e Navarra
Polo demais, escasos incidentes na xornada electoral en Galicia. En Monforte unha muller foi detida por negarse a presidir unha mesa electoral, alegando que lle pagaban moi pouco. De igual xeito, en Cambre un home foi detido por tentar votar dúas veces, primeiro co seu DNI e despois co dun amigo que agardaba por el no exterior.