As primeiras sondaxes a pé de urna prevén unha clara vitoria de Portugal à Frente, mais por debaixo da maioría absoluta. Segundo a RTP, PàF obtería entre o 38-43% dos votos e 108-116 escanos (116 é a maioría). O PS ficaría co 30-35% (80-88 deputados), o BE tería 9-11% (16-20) e a CDU 7-9% (13-17). Para a TVI, PàF tería o 39,2% (112 deputados), o PS 31,7% (83), o BE 10,2% (19) e a CDU 8,5% (16). A SIC outórgalle a PàF o 36,4-40,2% dos apoios (100-108 escanos), ao PS o 29,5-33,1% (84-90), ao BE o 8,1-10,5% (16-19) e á CDU o 6,8-9% (15-18). Livre, PAN e PDR poderían entrar na cámara.
Fálase
Pechadas as urnas no Portugal continental e Madeira (nunha hora farano nas Azores), as canles de televisión ofrecen estimacións sobre a abstención que se podería ter producido, lixeiramente inferior á de 2011 (41,97%). As proxeccións van dende a máis baixa da RTP (35-40%) á máis alta da TVI (39-43%), pasando pola da SIC (36,9-41,3%)
Aumenta a participación en Portugal. Ás 16 horas votara xa o 44,38% do censo, 2.4 puntos máis que en 2011, cando se rexistrara a abstención máis elevada. A participación ás 16 horas é, no entanto, inferior á de 2009, 2005 e 2002.
Núñez Feijoo reestrutura o seu Goberno. Destitúe a contestada conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, substituída por Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. Créase unha novo departamento -a Consellaría de Política Social- que será xestionada polo ex alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Beatriz Mato pasa a ocuparse da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, escindida de Infrastruturas, na que continúa Ethel Vázquez. E divídese en dous a Consellaría de Medio Rural e do Mar: Ángeles Vázquez Mejuto, alcaldesa de Melide, pasa a ocuparse de Medio Rural, ficando Rosa Quintana á fronte de Mar.
A participación nas eleccións portuguesas ás 12 horas (20,65%) crece 0,64 puntos con respecto aos comicios de 2011. Nas últimas semanas, as sondaxes anticipaban un descenso da participación.
Ao redor de 500 persoas esixen a "limpeza integral" da ría do Burgo
David Fernández traza en El Periódico un perfil do cabeza de lista da CUP, Antonio Baños, "o home ao que se dirixen todas as olladas. E todas as presións"
Xa están abertas as urnas en Portugal. As eleccións lexislativas renovarán a Assembleia da República e, segundo todas as sondaxes, deixarán unha cámara sen maiorías absolutas. Os colexios electorais pecharán ás sete da tarde (hora portuguesa), unha hora máis tarde nas Azores..
O Sergas investigará a morte da muller que o pasado día 25 faleceu no PAC de Vimianzo mentres agardaba para ser atendida no servizo de urxencias.
Un bombardeo dos Estados Unidos sobre un hospital de Médicos Sen Fronteiras en Kunduz (Afganistán) provoca cando menos 16 mortos. MSF sinala que o exército norteamericano estaba informado sobre a posición da clínica. A ONU condena o ataque, mentres que Washington pide desculpas.