O xuíz arquiva a segunda causa contra os monicrequeiros de Madrid e ratifica que non cometeron delito ningún. Os membros de 'Títeres desde abajo' visitaron Galicia o pasado decembro e reflexionaron sobre a violencia no mundo dos títeres, ademais de relataren a súa propia experiencia, como recolleu Praza.gal nesta reportaxe
Fálase
"A culpa é delas". Micromachismos recolle como un artigo publicado en varios xornais galegos culpa as vítimas de violencia machista das agresións que sofren. Organizacións feministas como A Buserana, da Costa da Morte, ou Si, hai saída, de Lugo, apelan á "responsabilidade" dos medios de comunicación na loita contra as agresións de xénero e ínstanos a non colaborar na "apoloxía" da mesma, seguindo as recomendacións do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que vén de considerar "inaceptable" o contido do artigo. El Correo Gallego, pola súa banda, emitiu unha nota de desculpa e anunciou a "cancelación da colaboración" co autor.
VÍDEO | Así soa AC/DC a ritmo de rondalla galega. A Rondalla Santa Eulalia de Mos incorporou o tema Thunderstruck do grupo australiano durante os tradicionais Ranchos de Reis de Redondela, tal e como recolle este vídeo de Redondela TV. A formación volveu realizar esta interpretación no Certame de Rondallas celebrado en Vigo a pasada fin de semana.
O Supremo revisa a absolución do cantante de Def Con Dos, que fora acusado de enaltecer o terrorismo e humillar as vítimas por uns chíos en Twitter.
O Goberno de España, disposto a dar marcha atrás no almacén nuclear de Almaraz, a cen quilómetros da fronteira portuguesa, segundo asegura a prensa lusa. A construción desta infraestrutura está a ser fortemente contestada no país veciño.
Un xuíz obriga a devolver máis de 35.000 euros a dúas familias polas cláusulas solo. Anula a condición contractual e condena os bancos a restituír todos os cartos cobrados de máis.
O Sergas fai dobres outros 18 cuartos no Cunqueiro polo aumento de ingresos. O Chuvi ampliou en 78 o seu número de camas en dous días.
14 alcaldes da comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña denunciaron este martes a "inacción" e o "continuo incumprimento das promesas aprazadas" na construción da Vía de Altas Prestacións da Costa para a "necesaria vertebración dos territorios historicamente illados do norte das provincias da Coruña e Lugo". Criticaron especialmente a Alberto Núñez Feijoo, que hoxe inaugurou un treito de 8 quilómetros entre Cervo e Viveiro, cun atraso de tres anos e medio
A reserva hidráulica dos encoros que abastecen Galicia sitúase no 46%, por debaixo da media española (51%) e descendendo con respecto á última semana.
Esgotadas as entradas para a nova edición de Cantos na Maré, que se celebra este sábado en Pontevedra. A organización lembra que "son de entrada libre as actividades paralelas" do festival, como a conversa e cantos con Manecas Costa, o xoves, un obradoiro musical para escolares con Kátya Teixeira, o venres.