Adif revela que fichou como conselleiro o novo presidente da oficina anticorrupción do PP. O ex-deputado Andrés Ayala suma desde febreiro unha cadeira no consello da empresa estatal á súa actividade como administrador de bingos, avogado e presidente da Oficina do Cargo Popular. Ayala foi voceiro do PP, daquela con maioría absoluta, na comisión de mellora do sistema ferroviario creada tras Angrois que en 2015 concluíu reclamando máis seguridade pero barata.
Fálase
O BNG di "non esperar nada" dunha reforma da Constitución "impulsada polo tridente do artigo 155". A formación nacionalista esixe un "novo status de nación para Galiza" e "superar un marco que non dá solucións ao país" nun acto co gallo da conmemoración da Carta Magna.
Donald Trump recoñece Xerusalén en vez de Tel Aviv como capital de Israel e converte os Estados Unidos no único país do mundo que o fai, en contra da postura da ONU, contraria á ocupación de territorios palestinos.
Feijóo critica o Barça por “mesturar o deporte coa política” porque é de “réximes non democráticos”, en declaracións a Atresmedia durante as celebracións do aniversario da Constitución. Son numerosas as veces en que dirixentes do PP galego mesturaron deporte e política, como o actual presidente da Federación Galega de Fútbol, o ex-presidente pontevedrés Rafael Louzán.
Xulio Ferreiro amosa a súa disposición a repetir como candidato da Marea Atlántica nas municipais de 2019. O alcalde da Coruña dío nunha entrevista na Cadena Ser e divúlgao na súa propia conta de Twitter. "Non hai alternativa ao goberno da Marea na Coruña", dicía hai uns meses nunha entrevista con Praza.gal.
A Audiencia Nacional condena aos doce membros do grupo de rap La Insurgencia, varios deles de orixe galega, por enxalzar os GRAPO. Ningún ten antecedentes pero a pena de dous anos e un día para cada un deles supón que poderían ingresar en prisión. Unha maxistrada do tribunal discrepa da condena: “Son críos chamando a atención”.
O Celta enfrontarase ao Barcelona nos oitavos de final da Copa do Rei. Xogará á ida en Balaídos e a volta no Camp Nou.
O Consejo de Transparencia obriga a Renfe a informar á CGT dos soldos dos seus directivos e persoal non suxeito a convenio, que o sindicato cuantifica en 900 dos 14.000 traballadores da empresa pública.
ÚLTIMA HORA | O xuíz Llarena retira as ordes europeas de detención contra Puigdemont e os consellers que están en Bruxelas
O Tribunal Supremo rexeita o recurso presentado por Lactalis contra a multa de 11,7 millóns de euros imposta por Competencia por pactar prezos e reparto do mercado con outras grandes marcas de produtos lácteos