Jordi Sànchez renuncia a tentar a investidura como presidente da Generalitat e á acta de deputado do Parlament para tentar que o xuíz lle permita saír do cárcere, onde o antigo líder da ANC se atopa en réxime de prisión provisional.
Fálase
O Goberno central adxudicou máis de 300 millóns en mantemento de estradas cunha fórmula ilegal que favorecía o dedazo ás construtoras, revela unha investigación de eldiario.es. Dos 40 contratos, autorizados polo agora ministro de Xustiza Rafael Catalá, tres correspondían a estradas galegas. En 2013 xa saíra á luz unha trama de adxudicación de contratos a dedo para mantemento de estradas en Ourense.
O PP de Pontevedra erixe as achegas de ENCE a clubs deportivos en "exemplo do bo facer da Xunta de Núñez Feijóo". Pontevedra Viva recolle as declaracións do líder dos populares pontevedreses, Jacobo Moreira, que anteriormente xa cualificara como "fomento do odio" a oposición do Concello á permanencia da pasteira na ría.
O inverno que hoxe remata tivo precipitacións un 19% por riba do habitual nas últimas décadas, especialmente no sur da provincia de Pontevedra, onde se recolleron máis de 1.200 litros por metro cadrado (pola contra, Valdeorras ou Verín ficaron en 200). Foi tamén un inverno algo máis frío do normal, sobre todo o mes de febreiro, coas temperaturas máis baixas dos últimos 12 anos. Todos os datos no informe presentado por Meteogalicia esta mañá.
O novo candidato de JxCAT á investidura será Jordi Turull, segundo vén de anunciar a ex-consellera de Agricultura Meritxell Serret (ERC) en TV3.
O ex-presidente francés Nicolas Sarkozy, baixo custodia policial por suposto financiamento ilegal da súa campaña en 2007. Está a contalo eldiario.es
Suspendido o xuízo a Emilio Cao pola incomparecencia de dous axentes de policía que debían declarar. O mozo galego ía ser xulgado tras ser detido nunha mobilización das Marchas da Dignidade hai catro anos. Toda a información, hoxe en Praza.gal.
Cocentración para pedir a absolución de Emilio Cao en Madrid, onde hoxe se celebra o xuízo polo que pode ser condenado a entre 5 e 8 anos de prisión.
Este luns volve a negociación entre Xunta e persoal de xustiza tras máis dun mes de folga. A pasada semana o comité de folga advertiu do mantemento das súas reivindicacións e o vicepresidente Rueda instou a non formular peticións "inasumibles". O presidente Feijóo, pola súa banda, tentou enfrontar o persoal mobilizado cos pensionistas que reclaman un incremento das súas prestacións por xubilación.
O Constitucional avalará este martes as subvencións aos colexios que segregan o alumnado por sexo ou o incremento de rango da materia de Relixión. Segundo adianta a SER, a maioría conservadora vai tombar o recurso do PSOE á aínda vixente 'Lei Wert'