Antonio López presentou este venres a súa candidatura a Reitor da Universidade de Santiago. “Non é un mero cambio de matiz; queremos unha universidade radicalmente diferente á que temos agora e que recupere o liderado que lle corresponde”, salientou. As eleccións terán lugar o 23 de abril. En 2014 López perdeu ante Juan Viaño por unha marxe moi escasa.
Fálase
O Pleno da Deputación da Coruña aproba unha moción en defensa das pensións públicas que lle demanda ao Goberno central un incremento acorde coa suba do IPC, a recuperación dos 65 como idade de xubilación e a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais de 2010 e 2012. O texto, redactado por MODEPEN, tivo o voto favorable de BNG, Marea Atlántica e Compostela Aberta. PP e PSdeG-PSOE abstivéronse.
O PP rexeita regular os grupos de presión no ámbito autonómico á espera do que faga o Goberno central. Os populares tombaron este venres no Parlamento de Galicia unha proposta presentada polo PSdeG para que a Xunta cree un rexistro de lobbies e faga públicas as axendas de traballo dos cargos públicos. Esta mesma semana os populares consideraron a lei de transparencia de Rajoy ao tempo escasa e excesiva.
A Audiencia da Coruña absolve a ex-alcaldesa de Betanzos e ex-deputada do PP María Faraldo pola suposta contratación irregular dun profesor.
O xuíz do Supremo procesa por rebelión a Puigdemont, Junqueras, outros seis ex-consellers, os Jordis, Forcadell e Rovira. O delito está penado con ata 30 anos de cadea.
A borrasca Hugo tocará esta tarde as costas galegas, que estarán en alerta laranxa dende o mediodía. O sábado a alerta chegará a ser vermella no litoral da Coruña e Lugo, con ondas de máis de 8 metros.
O Concello de Xove tamén sancionará os propietarios que incumpran a obriga de arrincar os eucaliptos próximos a vivendas. En febreiro o Concello de Ribadeo notificou a 700 veciños que estaban a incumprir a lei e deulles ata xuño para xestionar de forma axeitada a biomasa vexetal ao redor das súas casas.
Marta Rovira marcha de España e decide non comparecer ante o Supremo. "Hoxe emprendo un camiño duro, o camiño do exilio", di a deputada catalá nunha carta á militancia de ERC.
Os sindicatos de Xustiza piden á Xunta reunirse o vindeiro luns 26 logo de rebaixar as súas pretensións económicas.
Antonio Teijeiro e Ledicia Costas, premios estatais de literatura infantil e xuvenil en 2015 e 2017, serán os Vigueses Distinguidos deste ano, segundo anunciou o alcalde.