Comeza Sen cancelas, o novo blog de Anxo Lugilde en La Vanguardia no que o tamén colaborador de Praza.gal ofrece análises sobre a política galega. Nesta primeira entrega evoca a polémica afirmación de Manuel Fraga a respecto da mellor preparación dos "fillos de familias prominentes" ao fío do nomeamento que, segundo o Tribunal Superior, a Valedora do Pobo outorgou de xeito "arbitrario" a prol dunha sobriña do antigo presidente da Xunta.
Fálase
Carmen Martínez-Bordiú xa é duquesa de Franco grazas ao nomeamento que asinou o ex-ministro Catalá un día antes de que o PP perdese o Goberno de España por mor da moción de censura que levou á presidencia ao socialista Pedro Sánchez. Herda o título da súa nai, á que llo concedeu o rei Juan Carlos I unha semana despois da morte do ditador. Publícao hoxe o BOE
"O marisco, para quen o traballa". Os actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, protagonistas da campaña financiada polas mariscadoras da ría de Arousa para concienciar contra o roubo do marisco que sementan.
A xustiza chilena condena nove ex-militares polo asasinato do músico Víctor Jara en 1973. Jara foi detido tras o golpe de Estado de Pinochet e asasinado pouco despois.
As xuntanzas de Feijóo co presidente de Portugal e mais co ministro das Infraestruturas do país veciño constatan os plans do Goberno portugués para modernizar o seu treito da liña ferroviaria do Porto a Vigo, en marcha dende 2016. Para que a conexión modernizada poida estar operativa o ano que vén é clave a execución da electrificación das vías en Tui, competencia do Adif. Na imaxe, o presidente da Xunta con Marcelo Rebelo de Sousa.
Este martes fanse 12 anos do accidente do metro de Valencia no que morreron 43 persoas. O sinistro tivo varias semellanzas co que sete anos máis tarde deixaría 80 falecidos na curva de Angrois e que facían aínda máis evitable o de Santiago.
As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 6.631 no mes de xuño en Galicia, ata as 170.065; son 19.600 persoas menos na lista do paro rexistrado que hai un ano. No mesmo período a afiliación media á seguridade social incrementouse en 8.408 persoas e volve superar o millón de persoas, con 26.622 afiliacións máis que hai doce meses. Máis información, hoxe en Praza.
Oriol Junqueras, Carme Forcadell, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, entre o primeiro grupo de presos independentistas cataláns que serán trasladados a cárceres de Catalunya de xeito inminente. Estes líderes políticos están en prisión provisional e non pesa ningunha condena sobre eles.
O PP pregunta formalmente ao Goberno central no Congreso se as lentes de sol que portaba Pedro Sánchez en varias fotografías "son graduadas". A iniciativa do deputado Carlos Floriano, que avanzou a xornalista María Pérez Laya a través da súa conta de Twitter, recóllena a axencia EFE e eldiario.es
Feijóo reúnese este martes en Lisboa co presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa. Antes, este luns, Pedro Sánchez mantén un encontro co primeiro ministro, António Costa, tamén na capital portuguesa.