0 Gardados para despois

O máis importante

Seis anos

 

Este 1 de febreiro de 2018 en Praza Pública celebramos o noso sexto aniversario. Sería imposible chegar aquí sen o voso apoio, que tamén é esencial para podermos contar máis e mellor o que sucede en Galicia e no mundo dende o noso, dende o voso xornal.

O sétimo ano de Praza.gal comeza co impulso dos nosos principios fundacionais. Os que un día de comezos de xaneiro de 2012 nos animaron a facer público un convencemento que tamén era un desexo: a Galicia non lle cómpre o silencio, precisabamos un xornal que contase para relatar máis e mellor o país e o mundo. Por iso abrimos esta Praza Pública, primeiro .com, despois felizmente .gal, e por iso volvemos abrila cada día.

En todo este tempo tivemos moitas ledicias, outros tantos desacougos, algúns acertos e máis dun erro que tentamos emendar, sempre coa xenerosidade da nosa audiencia. Como dixemos hai un ano, ao chegarmos á nosa primeira media década, non queremos que a memoria do feito torne en nostalxia. Temos por diante moitos retos e os máis inmediatos pasan pola renovación tecnolóxica da nosa web e, constantemente, polo asentamento e ampliación do noso cadro de persoal. O xornalismo faise con xornalistas a traballar en condicións dignas.

A web evoluciona, as tecnoloxías cambian, o contexto é efervescente. Pero os vieiros polos que queremos transitar seguen intactos: "exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo", isto é, "a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais da Galicia que vén".

Grazas por estardes, lerdes, axudardes e espallardes. Comeza o sétimo ano de Praza.gal.