0 Gardados para despois

O máis importante

As contas de Praza

A Fundación Praza Pública é a responsable institucional do xornal Praza.gal. É unha fundación sen ánimo de lucro que ten por finalidade o fomento da información e o debate público como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e a lingua galega. Constituíuse en maio de 2012 e está rexistrada como fundación de interese galego, polo que as achegas das socias e socios contan coas correspondentes desgravacións no IRPF e no imposto de sociedades.

Informe financeiro de 2017

De acordo coa nosa política de transparencia, achegamos un resumo da estimación das contas económicas de Praza Pública no ano 2017, a piques de seren pechadas definitivamente.

No pasado ano logramos, grazas ao apoio da comunidade de Praza, a sostibilidade económica do xornal. Melloramos significativamente os ingresos no que atinxe á publicidade grazas ás asociacións, institucións e empresas que nos deron o seu apoio mediante a inserción de anuncios, cun importe de 84.809 €. No que atinxe ás colaboracións de socias e socios tivemos uns ingresos de 35.038 €.

Os ingresos aumentaron un chisco, pero tamén o fixeron os gastos. A razón foi a consolidación dunha cuarta praza de xornalista con contrato a tempo completo, o que elevou esta partida aos 86.356 €. Aumentamos ademais as colaboracións xornalísticas puntuais e mantivemos axustados o resto dos gastos (bancarios, asesoría, informática...)

O resultado da actividade do ano 2017 foi positivo en 29.264 €, cantidade que nos propuxemos aforrar no Padroado. O obxectivo fundamental deste aforro é poder acometer no 2018 unha imprescindible actualización técnica do noso sitio web e das súas ferramentas asociadas.

Mantemos a conta xeral da Fundación sen débedas de anos anteriores coa aposta fundamental de incrementar a calidade dos contidos de Praza.gal, mellorando os ingresos por publicidade tanto no importe como no número de institucións, asociacións e empresas que apoian o noso proxecto.

O ano 2017 foi moi intenso informativamente e os nosos datos de tráfico así o acreditaron. Así sucedeu malia aos atrancos alleos a Praza.gal e á propia contorna informativa galega, como a nova política dalgunha das principais redes sociais cara aos medios de comunicación. Coidamos que queda moito por contar e para facelo precisamos máis xornalistas e unha mellor ferramenta web. Para 2018, o noso sétimo ano de andaina, temos no miolo un bo número de novos proxectos para contarmos máis e mellor. Seguro que, da vosa man, podemos acadar estes novos obxectivos sen esquecer os nosos principios fundacionais.

O cambio normativo recollido na lei 27/2014 do 27 de novembro, incrementou notablemente a porcentaxe de devolución no IRPF e imposto de sociedades das cantidades que acheguedes como doazóns á Fundación Praza Pública. Por exemplo:  a devolución do 75% dos primeiros 150 € doados en total ás entidades coas que estás colaborando, sendo a desgravación entre un 30%-35% para o resto das cantidades. Todas as achegas efectuadas no 2017 contarán coa corresponde desgravación na declaración do IRPF conforme á nova lei: http://praza.gal/info/21/desgravacion-de-doazons-a-fundacion-praza/

http://praza.gal/achegas/

 

INFORMES ANTERIORES

Informe primeiro aniversario "1 ano na Praza, contigo"

Informe de transparencia económica do ano 2012 (PDF)

Informe de transparencia económica do ano 2013 (PDF)

Informe de transparencia económica primeiro semestre 2104 (PDF)

Informe de transparencia económica ano 2014 (PDF) Cadros económicos ano 2014 (PDF)

Informe de transparencia económica ano 2015 (PDF)

Informe de transparencia económica ano 2016