E para pechar o ano... Verbena Galega na Praza do Obradoiro!

O Sonoro Maxín © Culturactiva

A Verbena Galega chega este xoves á Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, para despedir o 2015 con todo o sabor da música galega, e a súa esencia tradicional e contemporánea ao tempo. É unha festa imparable a que agarda polo público nesta praza a partir das 23.15 horas, presentada pola humorista Isabel Risco, e cunha parada con conexión en directo da TVG, para acompañar as baladadas da Berenguela coas uvas, e entrar no 2016 con bo pé.

A Verbena Galega é unha revisión do concepto de verbena, reinventándoo e actualizándoo cunha proposta centrada, por un lado, na música de baile tradicional e, por outro lado, na música de baile máis moderna e mestiza

Esta Verbena Galega especial de Fin de Ano comezará con sete músicos da comarca, Os d’Abaixo, grupo nacido no 2010 ao xuntárense Xacober Varela, Xabier Agra, Gonzalo “Gom” Goás, Ricardo “Richi” Martín, Xosé Ramón Vázquez, Roberto Rama e Quim Farinha, que reinterpretan música tradicional e teñen tamén composicións propias. Seguirá cos vibrantes ritmos d’O Sonoro Maxín, onde converxen varios talentos con orixe en Lamatumbá e Cinnamon Gum para que a xente non pare de bailar, o único grupo galego que centra o seu repertorio nos ritmos latinos de verbena, empregando nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”. Por último, o picadiscos máis festeiro de Compostela, Bigote Mix, pechará a velada coa súa selección.

A Verbena Galega é unha revisión do concepto de verbena, reinventándoo e actualizándoo cunha proposta centrada, por un lado, na música de baile tradicional e, por outro lado, na música de baile máis moderna e mestiza (ritmos latinos, pachanga, cumbia, reggae, bravú...), coa opción de seren complementadas con diversas actividades para público familiar, que enchen de cor calquera festa en Galicia que queira innovar e destacar. Nesta ocasión, o Concello de Santiago de Compostela e Culturactiva argallaron este evento para organizar unha grande festa que encha de calor o Nadal, nun lugar tan emblemático para recibirmos o Ano Novo como é a Praza do Obradoiro. Ás badaladas da Berenguela, as uvas e o cotillón (que se repartirán entre as primeiras persoas asistentes en chegar) sumaranse os ritmos máis festivos.

 

O Sonoro Maxín © Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.