Lalín celebra o seu primeiro cocido sen 'papel couché'

O alcalde de Lalín e o presidente da Xunta, visitando a feira © Concello de Lalín

O Concello de Lalín celebra este domingo o día grande da súa XLVIII Feira do Cocido. O municipio dezao agarda "milleiros de visitantes" nunha xornada na que os elementos centrais serán os de case sempre: gastronomía e festa, pero con matices que non son menores. O cambio no goberno municipal propiciado polos resultados electorais de maio do pasado ano trouxo consigo a desaparición de elementos que achegan a festa ás súas orixes e a afastan do mundo da crónica social na que foi sendo instalada nos últimos anos.

Unha das principais diferenzas a respecto doutras edicións é que as protagonistas da xornada non serán as persoas galardoadas coa súa integración na Encomenda do Cocido, na que adoitaban mesturarse cargos políticos con rostros máis ou menos coñecidos do mundo do espectáculo ou dos medios de comunicación de ámbito estatal. Esta particular "sociedade gastronómica", impulsada dende o Concello dende o ano 2000, foi considerada polo novo goberno local como un "acto propagandístico", en verbas do alcalde, Rafael Cuiña, e por iso os seus rituais foron excluídos do programa oficial.

Mentres algúns dos "comendadores" -o exalcalde do PP, José Crespo, segue sendo "gran comendador", toda vez que a Encomenda ten a forma xurídica de asociación dende hai anos- aseguran querer manter en pé a singular entidade, este domingo non serán protagonistas nin poderán acudir como tal ao que ata agora era o xantar oficial, no que diversas autoridades degustaban un cocido sufragado polo Concello.

O Concello suprimiu os actos da 'Encomenda do Cocido' por consideralos un "acto propagandístico"

No seu lugar celébarse o "Cocido Solidario", co que o Concello pretende "recadar fondos" para "asociacións sen ánimo de lucro do municipio", neste caso, a asociación Aranes, que traballa con infancia que padece discapacidade. Ao encontro, informa o goberno local, xa confirmaron a súa presenza máis de 230 persoas, entre as que se atopa o conselleiro de Educación, o lalinense Román Rodríguez, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou os alcaldes da Coruña e Santiago, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega.

O xantar oficial foi substituído por un "cocido solidario"

A entrega por parte do alcalde e do presidente da Xunta do premio Aldea Singular, de nova creación, á localidade lalinense de Soutolongo, deulle este domingo comezo a un programa de actos que ten como pregoeiro o xornalista Manuel Jabois. A continuación é a quenda do desfile, dirixido polo actor e músico Fran Lareu, desta volta protagonizado por "carrozas, comparsas, charangas, agrupacións musicais e representacións dos diferentes entroidos tradicionais de Galicia", incluíndo figuras tradicionais como os cacharelos de Lalín ou os Xenerais da Ulla.

Os xantares nos diferentes restaurantes da localidade ou a venda de produtos tradicionais na carpa instalada no Campo da Feira completan o programa da xornada. "As potas -di o Concello- xa están ao 100%".

Un intre do desfile © Concello de Lalín
Acto oficial da feira, co xornalista Manuel Jabois © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.