0 Gardados para despois

Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de febreiro

Diego GiráldezDiego Giráldez | @diegogiraldez


Febreiro

Semana 1

Sen guión

Ao mencer febreiro, a incerteza seguía pegada ás paredes da Moncloa. “Menos mal que teño o conxelador a tope”, consolábase o chef particular de Presidencia. Os distintos voceiros dos partidos políticos volvían limpar os pés no felpudo da entrada de Zarzuela. O Rei, inocente e sen guión, co botiquín da transición que papá lle deixou baixo mínimos, decidía propoñer a Pedro Sánchez con xesto de “a ver que pasa”. Sánchez, con ese perfil político tan pouco memorable, asumía o reto mentres Corcuera, canda outros baróns lúgubres, executaba a “Lei da patada na porta” dende o seu novo trono en 13TV. Logo, só había que deixar que a Sánchez o fosen contradicindo as “últimas horas”.

A corrupción habitual

En febreiro, os casos de corrupción cubrían vinte e cinco minutos exactos da media hora que duran os informativos. Abrían co PP de Valencia, continuaban co Caso Nóos, logo coa familia Pujol e, xusto antes dos deportes, co borrado de información dos ordenadores de Génova e tamén co PP de Madrid e a “Púnica”. O perigo da corrupción é que se asuma igual que as imaxes de nenos biafreños con moscas nas pálpebras; que reaccionemos aos distintos casos de perversión política coa mesma simpatía coa que asumimos a nova do puteiro que apareceu resacoso nun pilón para facer dela tendencia. Umberto Eco, que morrería este mes un par de casos de corrupción máis adiante, dixo: “Hoxe, cando afloran os nomes dos corruptos, á xente non lle importa nada e tan só van ao cárcere os ladróns de polos albaneses”.

Semana 2

Cómicos

Ser titiriteiro non é o mesmo que ser unha senadora aforada. Nada que ver. Un corrupto que se acolle ao aforamento pode erguerse creativo sen medo a un par de axentes cumpridores; o cómico, hoxe en día, ten que combater todo o perigo que conleva o politicamente correcto e o abaratamento estremo e xeralizado da indignación. Que un par de artistas –créndose libres- entraran no cárcere por unha obra de teatro, fainos máis imbéciles. Mentres, a senadora aforada, que de seguro coñecía os malabarismos que os seus facían cos cartos públicos -igual que un antisistema fai cun diávolo- faise a durmida no sofá, en pantuflas e abrigada por un reconfortante caloret.

No entroido de Ourense

Pasou na provincia que ten o Entroido máis eficaz da terra, xusto cando Ourense vive ao revés. Detiñan a un mozo disfrazado de titiriteiro que portaba a mesma pancarta que os monicreques dos titiriteiros de Madrid. Eu, que sempre buceo no desván para atopar o disfraz ideal, pensaba que o Entroido tiña algo de libertario e sucio. Que os tempos do franquismo nos que o entroido estaba prohibido por atentar contra os bos costumes xa non volvían. Non hai disfraces máis dolorosos que os do chino, nin peores comparsas que as militarizadas pola coreografía; non hai máscara máis perigosa que a mordaza.

Ondas chungas

As ondas gravitacionais que esta semana detectaban cen anos despois de que Einstein as predicira, proviñan, todas, dun PC de Génova. Einstein é ETA. 

Semana 3

Podemos pedía

Podemos presentaba as súas propostas para chegar a un pacto de goberno en Madrid e, antes de que rematara a rolda de prensa de Pablo Iglesias, o voceiro do PSOE xa dicía que “non” noutra sala do Congreso. Iglesias pasaba de dicir que nunca entraría nun goberno coa casta a perfilarse como o seu vicepresidente primeiro. Quizais tiña razón Monedero cando dixo de Iglesias que a súa principal eiva é a súa soberbia intelectual. E así, con Podemos sobreactuando, mentres o seu comité de sabios encadernaba as 100 páxinas da súa proposta de goberno, Sánchez e Rivera metíanse man no cuarto da limpeza do Congreso.

A Xunta e a lingua

Praza Pública informaba de que a Xunta, ante un informe do Consello de Europa que lle instaba a velar máis pola lingua propia, reaccionaba presumindo do apoio que lle deu sempre aos medios en galego para a súa promoción. Contabilizando o número de xornais en galego caídos e vendo como foi o reparto de axudas nos últimos anos, é evidente que a Xunta sabe ben como sacarnos un sorriso. Como Vitaldent. 

Semana 4

Pontevedra e Rajoy

As fatalidades de Rajoy con Pontevedra comezaron na adolescencia. É posible que algún día calquera especialista descubra que de aí provén a súa simpática dislexia. En concreto da barra da discoteca “Daniel”, na que Rajoy pasaba horas apoiado tentando ligar sen éxito. Aí comezou o martirio de Rajoy coa cidade do Lérez. Foi concelleiro e presidente da Deputación, pero a espiña de “Daniel” estaba dentro. Logo veu a labazada en plena campaña. Como presidente en funcións prorrogou a presenza de ENCE na ría e Pontevedra declarouno persoa “non grata”. Quen sabe se Rajoy decidiu seguir contaminando a ría por vinganza.

Sánchez e Rivera

Pedro Sánchez decidía bendecir as propostas de Albert Rivera e asinar con el un pacto de goberno. Atrás quedaba aquel “derechas, Albert, eres de derechas”, que o líder socialista berraba en campaña. “Polo ben de España”, Sánchez renunciaba á estratexia de pelexar polo voto de esquerda para acatar as ordes das baronías. Sempre que escoiten a alguén dicir que fai isto ou aquilo “polo ben de España” saian correndo; ou remata no cárcere ou arrastrando a dignidade polas beirarrúas.

Saúden a marzo

O que vén é un mes de transición, normalmente aburrido. A min non me gusta. Aínda así, o marzo deste ano trae un par de cousas que me xeran expectativa e motivación: a portada que Marhuenda lle dedicará á Semana Santa de Carmena e ir comprobando a resistencia do Farandol de Donald Trump.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.